Lugonovo convoca a Mesa da Residencia para saber os avances da Residencia

A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, convocará a Mesa da Residencia para solicitar que se traslade ao devandito grupo de traballo os posibles avances que experimentou a iniciativa deseñada pola Xunta para revitalizar este barrio da capital, logo de que o venres o Partido Popular “fixera unha presentación pública da que deixou ao marxe, unha vez máis, aos grupos da Corporación municipal”.

“Queremos que se nos comunique cales son os progresos que se referiron no acto da semana pasada, tendo en conta que o executivo autonómico decidiu volver ningunear aos representantes da veciñanza con tal de evitar que figuremos na foto”, reprocha Cristina Pérez Herráiz ao mesmo tempo que cualificou o acontecido de “comportamento miserento”. “Cre o ladrón que todos son da súa condición, mais equivócanse por completo se pensan que o que nos interesa da súa proposta é o protagonismo mediático. O que realmente nos preocupa é coñecer que teñen pensado facer nas antigas instalacións sanitarias e, sobre todo, cando van materializalo”.

A voceira da formación, que desempeña o cargo de Secretaria da Mesa, suxire emprazar ao resto de integrantes da mesma para o vindeiro venres, 19 de xaneiro, coa finalidade de que se lles dea conta das posibles novidades que se agardan para o Centro Integral de Saúde. “Todo indica que ao único que estamos asistindo é a espectáculos de propaganda que acompañan e procuran a difusión dun boceto porque, a parte de anunciar formalmente quén será o equipo redactor, moito nos tememos que o resto do proxecto permanece no mesmo punto que hai seis meses”, lamenta Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com