Lugonovo inicia as negociacións co goberno para aprobar os próximos orzamentos

Lugonovo iniciou hoxe as conversas co executivo local para negociar os orzamentos de 2019. “Acudimos á reunión coa intención de dialogar e de chegar a acordos para poder materializar os vindeiros presupostos municipais. Sabemos que non será este goberno quen os execute no actual mandato, porque os prazos que esixe o procedemento son os que son, pero, precisamente por iso, estamos en disposición de afirmar que queremos ser nós, Lugonovo, quen os xestione a partir do próximo mes de maio”, subliña a voceira.

O Grupo Municipal mantivo esta mañá un encontro co equipo da alcaldesa no que se expuxeron os condicionantes da Plataforma á hora de apoiar as contas. “O primeiro e máis importante, queremos que se retire a proposta de RPT actual, contraria á vontade da maior parte do persoal do Concello e que se inicie o proceso para elaborar outra máis e mellor consensuada. Ese é o noso principal requisito, o que consideramos imprescindible para que a administración funcione axeitadamente e poida prestar un bo servizo á cidadanía”, asegura Cristina Pérez Herráiz.

“Tamén solicitamos que se inclúa unha partida para a peonalización de Quiroga Ballesteros, como paso previo a estender esta medida a todo o recinto interior da Muralla e tamén na Ronda. Cómpre lembrar que aínda que a rexedora segue a publicitar a humanización deste espazo, a intervención non se poderá levar a cabo se non se lle outorga unha consignación específica nese documento ao tratarse dunha obra contemplada no suplemento de crédito aprobado en 2017 e incorporada ao exercicio contable seguinte”.

“Así mesmo, reclamamos que se modifiquen varias das actuacións que se inclúen na estratexia EDUSI e que se incremente a cantidade prevista para os Orzamentos Participativos ata os 800.000 euros, de maneira que cada unha das 54 parroquias que conforman o termo municipal poidan dispoñer dun mínimo de 15.000 euros para financiar melloras nas súas contornas”, indica a portavoz.

Pérez Herráiz trasladaba así o posicionamento consensuado pola Coordinadora de Lugonovo esta semana na que, ao tempo que se afearon as formas de Lara Méndez por facer públicos os presupostos antes de facilitarllos á oposición para poder estudalos, o que cualificaron como “un comportamento pouco ético, nada elegante e fondamente electoralista”, as integrantes da Plataforma amosaron tamén a súa convicción de que será esta formación a que os desenvolva a partir do segundo semestre de 2019.

“Queremos que estes orzamentos se axusten ao noso ideario, que inclúan moitas das proposicións que temos presentado e que atendan ao noso proxecto de cidade no que levamos catro anos traballando. A experiencia vivida durante este mandato, no que se ten demostrado as carencias do Partido Socialista para dirixir a institución, tamén nos di que debemos ser nós os que impulsemos e lideremos a concreción de todas esas iniciativas para que nos próximos meses transcendan, por fin, do papel e do Salón de Plenos e sexan unha realidade”, conclúe Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com