Lugonovo insta ao goberno a reforzar o cadro de persoal de Servizos Sociais

Os beneficiarios das axudas de emerxencia social pasaron de ser 1.357 no ano 2015 a 1.465 en 2017, un exercicio no que 12.214 persoas precisaron, ademais, algún tipo de axuda dos Servizos Sociais do Concello, demostrando, a xuízo de Lugonovo, que o percorrido da crise económica dista moito de ter rematado aínda.

Fronte ao importante volume de expedientes e consultas que se xestionaron nas últimas anualidades, o Grupo Municipal de Lugonovo subliña que, en cambio, o número de profesionais encargados de tramitalos foi sempre o mesmo “o que, en certa medida, explica a destacada incidencia de baixas que rexistra este departamento e que, hai tan só catro meses, afectaba a un terzo do seu persoal”, refire a voceira.

“Catro funcionarias de baixa médica dun total de 12 indica, salvo que non se queira ver, que a carga laboral que soportan resulta inxente e que o equipo está ao bordo da saturación”, di Perez Herráiz. Ante esta realidade, Lugonovo solicítalle ao goberno que proceda á contratación de máis efectivos coa fin non só de paliar este déficit que arrastra a área de Benestar senón tamén de mellorar a calidade asistencial que desenvolve a administración.

Por outra banda, a portavoz da formación cre que xa é hora tamén de que se revisen os protocolos e mecanismos cos que opera este servizo para gañar en axilidade e eficacia. “Agora mesmo, todo o relativo a cada caso só pode ser consultado e xestionado exclusivamente polo traballador que o ten asignado, o que xera importantes transtornos para o usuario e demora a resolución das prestacións que solicita. Atrasos – apunta Cristina Pérez – que se agravan nestas datas debido a que as quendas de vacacións non se cubren”.

Este é só un dos motivos que, para a agrupación, fai imprescindible a implantación da Historia Social Única Electrónica con “absoluta inmediatez”. “Boa parte dos concellos da provincia contan xa con esta ferramenta dixital que permite, aos distintos organismos públicos, ter acceso á información máis relevante dos historiais dos usuarios. Un sistema que, en Lugo, consideramos resulta fundamental, en tanto axudaría a reducir prazos e facilitaría os labores burocráticos”, engade a voceira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com