Lugonovo insta ao goberno a mellorar o entorno de Calde

“O seu estado é tan lamentable que, lonxe de cumprir algunha función, parece pertencer á escenografía dunha película bélica. Absolutamente desmantelada, sen un dos vidros laterais e con outros tres estalados, sen banco onde poder sentarse e invadida de malas herbas, coa única entradaaccesible cuberta por un palé vello de madeira que impide o paso pola rampla”. Así é como a agrupación municipal Lugonovo, conta o estado no que se atopa a marquesiña do bus que dá servizo á veciñanza de Calde.

A portavoz de Lugonovo repróchalle ao goberno local que deixara abandonar a instalación ata ese extremo. “A duras penas se mantén en pé. Xa non falamos de que, nesas condicións, é imposible que protexa aos usuarios das inclemencias meterolóxicas, é que pode resultar ata perigosa”, advirte Cristina Pérez Herráiz. O Grupo Municipal insta ao executivo a tomar nota da situación e a corrixir inmediatamente os danos que sofre esta parada do transporte urbano, na Estrada Vella de Santiago (N-540) así como a percorrer as pistas do núcleo rural para comprobar o “desleixo que padece toda a contorna”.

“Moitos deses sendeiros, que comunican as vivendas da parroquia con outros terreos destinados a hortos e cultivos están tan deteriorados que impiden o tránsito de vehículos e obriga aos propietarios a subir aos predios camiñando. Corredoiras que, en pleno inverno non son máis que lameiras cheas de pedras esvaradías polas que costa caro desprazarse”, explica Pérez Herráiz .

A voceira apunta igualmente a necesidade de revisar a distancia coa que se está realizando a plantación de eucaliptos, “porque hai parcelas que non se axustan aos límites determinados pola normativa, con respecto á separación que deben manter dos camiños públicos, así como tamén consideramos urxente a revisión e mellora da sinalización, xa que hai varios enclaves que, por esa falta de indicacións, resultan moi complexos de localizar”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com