Lugonovo intenta achegar posturas entre Tableros Hispanos e a veciñanza do Vilar

Unha delegación de Lugonovo encabezada pola portavoz municipal Cristina Pérez Herraiz e o concelleiro Víctor Álvarez Arias mantivo na tarde de onte unha xuntanza con representantes da fábrica de Tableros Hispanos en Nadela e da veciñanza da urbanización O Vilar, situada nas proximidades deste centro. No encontro, nun clima de cordialidade e mutuo entendemento, os responsábeis da fábrica explicaron os seus últimos investimentos en tecnoloxías que poidan mitigar as emisións e o ruído derivados da actividade produtiva da planta. O obxectivo da xuntanza era conciliar os intereses da cidadanía, o respecto ao seu dereito ao descanso e á saúde, así como o respecto á lexislación mediambiental, coa normal actividade dunha fábrica que emprega ducias de veciños e veciñas da cidade e da área.

Ao longo de aproximadamente unha hora de encontro as partes expuxeron a súa situación e punto de vista, atopándose puntos de consenso e comprometéndose, os representantes de Tableros Hispanos, a avanzar entre Nadal e o verán do vindeiro ano nas mudanzas estruturais que mitiguen os efectos sobre a zona dos refugallos da súa actividade. Pola súa banda, os representantes da veciñanza aceptaron este compromiso e Lugonovo comprometeuse a continuar a mediar entre as partes na procura das solucións máis satisfactorias para veciñanza e tecido produtivo local.

En palabras de Cristina Pérez, “é moi importante que a produción local se dea nun marco de respecto polo medio ambiente que permita unha vida cómoda ás persoas que rodean este tipo de plantas” mentres que “os postos de traballo, a implicación no tecido da cidade e o peso específico da industria luguesa son aspectos que nunca se deben deixar de lado porque buscamos unha cidade produtiva e dinámica”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com