Lugonovo pide a comparecencia da alcaldesa para acabar coa opacidade sobre o financiamento do Caudal Fest

Tras as declaracións vertidas onte polo vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Enrique Rozas, nas que desvelaba que o Concello de Lugo, tería pagado preto de 218.000 euros á empresa encargada do Caudal Fest, hoxe a agrupación municipal de Lugonovo anunciou que pedirá a comparecencia da alcaldesa no pleno para acabar, din, coa opacidade en torno ao financiamento deste festival.

Lugonovo asegura que fronte aos 11.000 euros que o goberno local inviste por día nas festas do San Froilán, o Caudal Fest supón para as arcas municipais a frioleira de 109.000 euros diarios, o que para a plataforma supón un “desvío de fondos innecesarios” que se poderían dedicar a outras partidas.

“Fronte a unhas festas de toda a cidadanía e fronte ás persoas que traballan día a día pola cultura en Lugo, o Concello decidiu deseñar o seu propio modelo de festas sen sequera aclarar convenientemente o seu financiamento. É xusto que a alcaldesa se explique en pleno”. Así resumiu hoxe Cristina Pérez Herraiz a situación que leva a Lugonovo a solicitar a comparecencia da rexedora en pleno municipal.

A plataforma dá este paso “ante o comportamento do Concello durante todo o verán no contexto da preparación da grande cita musical que acolle Lugo este mes de setembro” e “ante o reiterado silencio en relación ás preguntas que dende o mes de xullo facemos sobre este”.

A portavoz municipal de Lugonovo referiuse ao financiamento do evento, destacando que “existen, debido á improvisación municipal, partidas económicas aprobadas e moi necesarias no seu destino orixinal que se verán parcialmente desviadas para sufragar o festival”. Entre as partidas afectadas, Pérez Herraiz identifica “o arquivo, con todos os seus problemas de funcionamento, os edificios culturais e os equipos informáticos do
Concello”.

“Falamos dun importe de máis de 217.000 euros” aseverando que supón un “desvío de fondos innecesario se se tivera actuado cunha mínima previsión e recollido nos Orzamentos”. Por tanto, “Méndez ten que dar a cara sobre este tema como consecuencia da súa xestión”.

Cristina Pérez quixo reiterarse nas denuncias que facían onte os populares e lembrar, tamén, a fórmula de asignación do evento “que nos xera todo tipo de dúbidas”. “A subvención directa e excepcional sen espazo para a concorrencia nin maior xustificación da necesidade de utilizar unha fórmula tan opaca é unha medida que a alcaldesa debería explicar ante os outros grupos da corporación”, salientou.

Trátase dun tipo de evento cuxa celebración en Lugo é positiva para Lugonovo, “que desexa situar a cidade no mapa mundial de actos desta clase”, como salientou a portavoz municipal. “O problema dáse, como neste caso, cando a improvisación e o despilfarro se dan a man” engadiu Pérez Herraiz, sinalando “os custes que ten facer as cousas tarde e mal”.

“Para o mundo organizado da cultura en Lugo, un festival de concertos multitudinarios que cadra coa data dunha cita asentada coma o Festiblás e a menos de dúas semanas do San Froilán é máis unha mazada que un balón de osíxeno” sinalou Cristina Pérez, lembrando que “ao non ter en conta ás persoas que traballan pola cultura de base en Lugo, a alcaldesa acaba deseñando o seu propio modelo de festas, que non é, por
desgraza, o mesmo que as festas da cidadanía”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com