Lugonovo pide que o Concello se una ás peticións da devolución do Pazo de Meirás

Lugonovo tratará de aportar o seu gran de area á salvagarda da memoria histórica. A formación vén de rexistrar unha proposición plenaria para que a Corporación Municipal se adhira aos acordos en vigor que esixen a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. A súa voceira, Cristina Pérez Herráiz asegura que se trata de sumarse ás medidas desenvoltas polo Concello de Sada e a Deputación da Coruña “e darlle continuidade ás mobilizacións cidadás que pretenden reparar a honra e a dignidade das vítimas da ditadura”.

A iniciativa, promovida por En Marea noutras moitas localidades galegas, ten, entre outros fins, acadar que sexa a administración local sadense a que xestione o réxime de visitas ao BIC Pazo de Meirás, retirándolle a competencia á Fundación Nacional Francisco Franco, así como instar á modificación da Lei de Fundacións para impedir que estas poidan facer apoloxía do réxime.

“Xa é hora de que se aprobe unha normativa especificamente galega que prohiba o enxalzamento dos protagonistas da represión. Ademais cómpre procurar que se constitúa, con carácter inmediato, unha Xunta pro Devolución do Pazo ao patrimonio público, a quen verdadeiramente lle corresponde por dereito o inmoble. Non podemos esquecer que a titularidade desta propiedade obedece, nin máis nin menos, a un espolio, a un proceso de adquisición forzada e coactiva que se disfrazou de forma fraudulenta como unha doazón pero que constitúe un vestixio máis dos privilexios obtidos polo abuso da forza e do terror que impuxo o caudillo”, subliña a portavoz da
agrupación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com