" />

Lugonovo propón a creación dunha Sociedade Mercantil Pública para xestionar os principais contratos do Concello

Trala Xunta de Voceiros celebrada hoxe no Concello de Lugo, e á espera do que aconteza na reunión extraordinaria da Comisión de Contas de mañá, o Grupo Municipal Lugonovo amósase aberto ó diálogo, nunha liña de consenso co resto das forzas da Corporación, para atopar unha vía alternativa temporal que encamiñada á municipalización de servizos a medio prazo, funcione coma ponte neste tempo de transición e que podería permitir, namentres, que o sistema da ORA volva a funcionar.

Sen embargo, a proposición de Lugonovo para crear unha Sociedade Mercantil Pública segue sendo firme. “É viable legalmente co cal é factible, salvo contraindicación dos informes económicos de Interveción, e supera así o principal escollo que os falsos defensores do público poderíanlle atribuír. Axústase á realidade e ás necesidades do Concello que, neste intre, arrastra concesións caducadas e cuantiosos reparos en ducias de facturas que evidencian unha xestión, cando menos, cuestionable”.

Son dúas das cualidades coas que, segundo Santiago Fernández Rocha, portavoz da formación, conta esta fórmula que será a que o Grupo Municipal defenderá para abordar as contratacións que o equipo de goberno ten enriba da mesa, ás que cómpre darlle unha resolución proveitosa para os veciños e que, ó mesmo tempo, pode alonxar a súa sinatura de toda sospeita de corrupción.

“Apostamos por esta modalidade para rexir a posta en marcha dos principais servizos, entre eles o do novo Sistema da Ora. Unha cuestión, esta última, que parece terse convertido na prioridade da alcaldesa aínda que espértannos serias dúbidas as intencións coas que, nos últimos días, orquestrou tanto trámite de urxencia. Ao noso xuizo, o seu restablecemento debería facerse ordenadamente e procurando non cometer os mesmos erros do pasado cara os que semella vai encamiñada”.

Os edís de Lugonovo consideran que a Corporación “debería aproveitar a próxima renovación das concesións para levar ó Concello cara un futuro de estabilidade económica que tivera entre os seus obxectivos a mellora dos servizos e transparencia. Algo para o que é preciso sentar as bases dos procesos de contratación”.

“O proceder independente deste tipo de empresas permite conxugar a xestión directa e limpa cas limitacións impostas pola normativa estatal sobre as remunicipalizacións. Vantaxes que se completan ademais ca exención do IVA, bonificacións do 99% sobre o pago do Imposto de Sociedades e co feito de que permite a subrogación dos traballadores que integraban os cadros de persoal das anteriores concesionarias, como forma de contratación excepcional”.

Santiago Fernández Rocha tilda de demagoxia “aqueles argumentos que desvirtúen a gasto superfluo a adquisición dos equipamentos necesarios para tutelar as diferentes áreas, en detrimento doutras prestacións sociais. Está claro que a Sociedade Mercantil implica un investimento inicial en tódolos departamentos que vaia a dirixir pero igual de certo é que, cunha boa programación, pódense conciliar ámbalas dúas necesidades acadando a medio e longo prazo, en canto as dotacións estén amortizadas, importantes beneficios que revertirían en políticas sociais de maior calado e moito máis estables”.

“A súa posta en marcha noutros municipios serve para amosar que o seu funcionamento é principalmente unha cuestión de vontade, aínda que contan cun inconveniente: a rigorosa supervisión por parte de toda a Corporación á que están sometidas convérteas nun modelo de xestión incómodo para os que perseguen pagar favores ou satisfacer intereses propios cos contratos municipais. Un equipo de goberno honesto e valente non dubidaría en apostar por liderar a creación dunha empresa así, a non ser que xa veña cunha folla de ruta marcada ou que obedeza a outras cuestións afastadas da efectividade pública”.

Doutra banda, o Grupo Municipal Lugonovo agarda que o resto dos partidos vexan con bos ollos a súa proposta, “dando continuidade e coherencia á súa predisposición á municipalización dos servizos”.

A formación destaca asemade a “personalidade xurídica independente que teñen estas sociedades, de capital e control público pero sometidas ó dereito privado, o que lles permite acadar unha maior axilidade e flexibilidade na xestión directa dos servizos”.

“As Sociedades Mercantís Públicas réxense polo ordenamento privado salvo nas materias en que lle sexa de aplicación a normativa orzamentaria, contable, patrimonial, de control financeiro e de contratación, propias dunha administración pública. Sen embargo, esa autonomía funcional será compatible cun exercicio permanente de inspección e tutela por parte da Corporación xa que tamén é o Pleno quen crea e aproba os seus estatutos”, sinala Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo