Lugonovo propón os Premios Faustino Santalices no marco dunha política ampla a favor da cultura

“Temos que converter Lugo nun referente cultural galego, pero nunca o conseguiremos sen contar cos axentes culturais, xestores e creadores”. Así se manifestou Xosé Chorén Vázquez, candidato de Lugonovo á alcaldía, logo da xuntanza que mantivo, xunto a outras persoas membros da candidatura, con asociacións e iniciativas empresariais luguesas vinculadas á cultura tradicional. Chorén aproveitou esta reunión con Traxandaina, A volta do agro, O xeito e Cantigas e Flores para expor o programa cultural de Lugonovo e presentar iniciativas coma os Premios á Identidade Galega Faustino Santalices.

O Premio Faustino Santalices que Lugonovo presentou ante as persoas representantes da cultura é “unha aposta forte polo noso” que busca homenaxear a “unha figura vinculada á cidade e á cultura, sen a que non se entende o pulo na artesanía dos instrumentos musicais tradicionais de Galicia, e a recuperación e difusión da nosa música tradicional” en palabras de Chorén. O alcaldable de Lugonovo expuxo o galardón como un recoñecemento multidisciplinar arredor da cultura galega: música, baile, oficios, editoriais, empresas e todo tipo de iniciativas a prol da cultura. Trataríase dunha “data festiva, dinámica, que incluiría a actuación de grupos e foliadas polo interior da cidade para incluír á veciñanza na celebración” así como “exposicións ligadas ao mundo da fotografía ou dos oficios tradicionais, entre outros”.

Na xuntanza, á que asistiron tamén por parte de Lugonovo a nº3 da candidatura, Paula González, o nº4 Carlos Baliñas e a nº 21 Sagrario Fernández, as persoas representantes do asociacionismo e iniciativas culturais expuxeron as súas demandas para o vindeiro mandato municipal. Entre as demandas incluíron unha apelación aos poderes públicos a escoitar o tecido sociocultural e empresarial, artellando propostas en consonancia coas propostas do sector e os intereses veciñais. Trátase, como resumiu Xosé Chorén de “fomentar unha cultura e un lecer de calidade, apegados á realidade veciñal, por riba da cultura do espectáculo”.

Entre as propostas que Lugonovo recolleu do mundo da cultura e se compremeteu a defender e implementar está a regulación municipal do uso de espazos públicos e música de rúa e en pequenos locais, así como mellorar a xestión dos centros de convivencia da cidade e a súa área, onde se identifican eivas como a non atención ás demandas veciñais, a precarización laboral e da calidade do servizo ofertado ou o feito de que se restrinxa o uso veciñal dos espazos dos centros sociais da periferia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo