Lugonovo propón un sistema de axudas para o pago do IBI ás familias con menos recursos

Lugonovo proporá no Pleno Municipal de outubro a creación dun sistema de axudas para familias con escasos recursos que compense a carga que lles supón o pago do IBI.

Segundo o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, “a día de hoxe a crise segue a estar moi presente na nosa cidade, xerando e perpetuando graves situacións de desprotección económica e inxustiza social. Casos dramáticos, nos que afrontar o abono dalgúns impostos e taxas municipais só agudiza o entorno de pobreza no que viven estes veciños, que moitas veces vense obrigados a recortar o escaso presuposto do que xa dispoñen para non descoidar o pago dos tributos aínda que iso lles supoña prescindir do máis básico como é o alimento”.

“En Lugo residen moitas familias que cada mes afrontan con infinitas dificultades a manutención dos fillos e do resto de persoas que dependen delas, os gastos educativos e sanitarios que poidan ter, así como a subministración enerxética das súas vivendas. Fogares nos que a maioría dos seus integrantes teñen traballos precarios, nos que entran contados ingresos que non abondan para cubrir as principais necesidades, ou nos que ningún dos membros da unidade ten emprego e mesmo esgotaron todas as prestacións, e dependen directamente da pensión do avó ou avoa para asumir os recibos”.

“Os concelleiros de Lugonovo consideramos que as Administracións, sempre que sexa posible, deben desenvolver unha función de tutela, arroupando á poboación máis desfavorecida con solucións eficaces e inmediatas. E para estes colectivos, (maiores con pensión non contributiva, parados de longa duración ou sen prestación e familias en situación de risco), creemos que o Concello de Lugo debería convocar un sistema de subvencións que alivien, en parte, esta circunstancia propiciada pola crise”.

Lugonovo propón esta medida baixo a fórmula dunha convocatoria de axudas, ante as limitacións legais que impiden a exención do pagamento do IBI, un imposto que para algúns cidadáns supón un esforzo inasumible e completa a súa iniciativa ca petición dunha dotación inicial estimada en seiscentos mil euros, dentro do Presuposto de Gastos do ano 2016, para a concesión destas subvencións no capítulo correspondente aos servizos sociais.

A contía da mesma contemplará ata o cen por cen da devolución do recibo para aquelas unidades familiares nas que os seus membros estean en situación de desemprego cunha antigüidade de máis de seis meses e non conten con subsidio ou axuda algunha dos servizos públicos de emprego e de ata o 75% para o resto das solicitudes, en función do IMPREM e do número de integrantes do fogar.

No rexistro de dita proposición o Grupo Municipal Lugonovo adxunta ademais unhas posibles bases do proceso, a estudar polo equipo xurídico do Concello en caso de aprobación, nas que se contempla o período de solicitude (entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de cada ano) así como os requisitos e a documentación a aportar para axilizar a súa tramitación.

“Cómpre recordar que durante os últimos tres anos produciuse unha subida, por orde do Ministerio de Facenda, do 10% sobre o importe do IBI que se encareceu ademais con outro incremento do 3’1 por parte do Concello en base á revisión do IPC en 2012; o que sitúa o gravame do imposto no 0’67% sobre o valor catastral, independentemente das súas continuas actualizacións, para as vivendas de uso residencial”, concluíu Santiago Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com