Lugonovo reclama máis aparcabicis e estacionamentos de motos na cidade

Lugonovo vén de solicitar o incremento de aparcabicis e de prazas de estacionamento para motos ao considerar que as dotacións actuais coas que conta a cidade resultan insuficientes.

“Trátase duns equipamentos escasos e que ademais se concentran na súa maioría dentro de Murallas, dando servizo só ao Casco Histórico cando igualmente sería moi ben acollido noutras contornas da capital como, por exemplo, as inmediacións dos centros educativos, as zonas comerciais ou mesmo os polígonos industriais que rexistran unha elevada circulación, tanto rodada como peonil, polo que a medida contribuiría, asemade, a gañar en fluidez e sostibilidade”, sinala Víctor Álvarez.

O concelleiro trasladaba esta petición á Comisión de Densenvolvemento Sostible celebrada esta mañá, onde a formación tamén preguntou pola posta en marcha da rede de biomasa instalada, hai un ano, nas dependencias de Frigsa.

“Esta é a segunda vez que interpelamos ao executivo por esta cuestión logo de que en marzo nos referira que a planta non entrara en funcionamento porque estaba pendente de licitar o contrato para a subministración do combustible. Un expediente que segue en tramitación e que estivo condicionado polas homologacións do sistema térmico que debían facer outras administracións.

A caldeira, en cambio, xa está operativa dende xullo, o que demostra que a circunstancia que alegaban non era un impedimento real, senón só un pretexto e que, se botou paralizada o anterior inverno, foi porque ao goberno lle deu a gana – sinala Álvarez Arias – xa que podía ter recorrido antes, se quixeran, á fórmula do contrato menor que levan usando 5 meses, para comezar a empregala”, conclúe o edil de Lugonovo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com