" />

Lugonovo suxire a peonalización do último tramo da rúa Ortega y Gasset

“O seu asfaltado presenta un estado lamentable que, nos días de chuvia, condiciona o tránsito. A iso hai que engadir a estreitez do último tramo da Rúa Ortega y Gasset que mingua considerablemente por mor do estacionamento incontrolado de turismos. Con todo, este camiño, de moita utilidade para os viandantes porque acurta os traxectos a pé entre a Mariña Española e San Roque, queda diminuído nun paso apertado e perigoso outorgando preferencia aos vehículos, que xa contan con outras alternativas de circulación”.

Esta é a situación que denuncian os concelleiros do Grupo Municipal Lugonovo, e que levan a solicitarlle ao equipo de goberno que considere a posibilidade de peonalizala, un traballo compatible ca mellora da pavimentación prevista dende hai meses.

O seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, sinala “cremos que sería convinte e viable eliminar o tráfico rodado neste punto, tendo en conta que xa ten saída ben pola Praza da Liberdade, ben por Ramón Ferreiro. A medida non tería moito custe para o Concello pero serviría, sen ningunha dúbida, para eliminar moitos riscos que asume o transeúnte nesta zona. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de outubro, tupiuse un sumidoiro encharcando toda a calzada”.

Por outra banda, Lugonovo insta ao executivo local “a non descoidar a vixilancia nas tarefas de mantemento relacionadas coa seguridade vial”. Recomendan o repintado das prazas de aparcamento para discapacitados, especialmente as sitas no barrio da Residencia onde o seu desgaste as fai case invisibles e apuntan tamén á necesidade de selar as tapas dos sumidoiros.

“Na maioría dos rexistros da cidade faltan as gomas, parece un detalle sen importancia pero está a provocar moitas e moi ruidosas molestias entre os residentes, como acontece, por exemplo, na rúa Montevideo. Iso no que ten que ver ca estrada, as que están nas beirarrúas son ademais moi esvaradías e provocan continuos apuros e mesmo a caída dos veciños. Escenas ás que asistimos con demasiada frecuencia que poderían acabar en neglixencia e que cómpre evitar ou corrixir cun maior labor de control e supervisión municipal”.

Dende esta formación recordan tamén que continúa aínda sen modificar a sinalización que orienta erroneamente aos condutores cara a Estación do Tren.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo