Lugonovo urxe á mellora dos puntos de recollida de lixo no rural

Lugonovo reclámalle, unha vez máis, ao executivo que acondicione as áreas de recollida de lixo no rural coa fin de evitar que os refugallos e, en moitos casos tamén os propios colectores, acaben tirados polo chan.

Víctor Álvarez alude á estampa que reflicte estes días a aldea de Vilachá de Mera como exemplo desta problemática. “O descoido é de tal envergadura que as silvas envolven os contedores ata case inutilizalos e mesmo os voluminosos depositados na zona parecen estar botando raíces agardando a súa retirada”.

O edil da formación sinala que xunto a estas eivas, existen outras moitas deficiencias que condicionan a eficacia do servizo de limpeza nos núcleos. “Á escaseza de dotacións para reciclaxe selectiva cómpre engadir que a frecuencia do aseo e baleirado é insuficiente e que tampouco abondan os investimentos dos organismos públicos para atallar todas estas carencias”.

Neste sentido, Álvarez Arias lamenta que o goberno local aínda non executara nin unha soa das iniciativas que Lugonovo propuxo, ao respecto, nestes tres anos, entre elas a posta en marcha de puntos limpos móviles que contribuirían a paliar o défict de recursos.

“A máis urxente – lembra o concelleiro – sería a que lle trasladamos hai tan só uns meses para agrupar os distintos recipientes en estruturas asentadas sobre unha base de formigón, de maneira que nin as inclemencias do tempo nin os animais que acoden a eles na procura de alimento logren esparexer a varredura polas inmediacións”.

“Dende Lugonovo cremos que a corrente aparición de vertedoiros incontrolados en moitas localizacións do termo municipal apremia ás administracións a dotar á veciñanza, resida onde resida, dos medios necesarios para xestionar os seus residuos dun modo eficiente, protexendo o ecosistema e poñendo en marcha prácticas sostibles”, conclúe Víctor Álvarez quen refire que moitas das medidas suxeridas teñen un baixo impacto económico pero si, en cambio, “gran transcendencia para a habitabilidade, a convivencia e a conservación do medio ambiente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo