Lugonovo urxe a rematar a ordenanza dos valos publicitarios

Lugonovo urxe a rematar a ordenanza que regula os valos publicitarios na cidade. Segundo a formación “hai esparexidos pola cidade unha recua de espantallos metálicos que se apropian do espazo público, sen motivo nin función, afeando inutilmente a paisaxe”. Algúns destes letreiros anuncian obras rematadas e que non se corresponden xa con ningunha acción que mereza ser divulgada, polo que Lugonovo solicita a súa retirada.

“Están obsoletos, os traballos que sinalizan xa remataron hai tempo e, nalgúns casos, poden entrañar un problema para a seguridade vial cando a climatoloxía é menos bondadosa que estes días. Que sigan en pé implica unha publicidade gratuíta para os promotores, privados ou non, e fala mal da sensibilidade estética do goberno a quen instamos a que faga unha sorte de inventario dos soportes que se poden recoller e os elimine canto antes”, subliña o portavoz, Santiago Fernández Rocha.

Neste sentido, para os edís de Lugonovo a finalización da normativa municipal que rexe a instalación dos valos publicitarios resulta fundamental e moi necesaria. “Non sabemos por qué motivo a redacción desta ordenanza se demora tantísimo pero hai moitos aspectos relacionados con ela que merecen dunha solución pronta. Un dos máis relevantes, ó noso entender, é o de poñerlle freo ós contidos sexistas, tanto femininos coma masculinos, vetando calquera publicidade que constitúa un prexuizo para os dereitos individuais e a consideración de xénero así como a súa mercantilización”, sinala Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com