" />

Lugonovo ve na urbanización da Tinería un “segundo Garañón”

“É un perigo”. Nestes termos cualifica a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez, o plan de urbanización previsto para a zona entre a Tinería e a traseira do sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Pérez Herráiz sinala que “a reforma que se pretende desenvolver no interior deste barrio baséase en tantas irregularidades que, de non corrixirse, pode derivar nun segundo Garañón”. “A disposición dos edificios resulta moi cuestionable. As volumetrías que pretende son excesivas ata tal punto que poderían impedir as vistas da Catedral dende algún enclave concreto no que hoxe sí é posible observar o monumento. Mentres que o espazo dotacional é escaso e a proporción que se reserva para vivenda protexida, ridícula. Por non falar – abonda a voceira – das dimensións que contempla para aparcadoiros cando, nesta parcela, vén determinada a imposición dunha praza de estacionamento por cada cen metros construídos”.

Para Pérez Herráiz resulta “bochornoso” que a Xunta sexa unha das promotoras principais do que tildan de “aberración”, escollendo, asegura a voceira “especular no canto de rehabilitar”. Lugonovo resalta ademáis que a contorna conta cun alto nivel de protección e, venlle menos sentido se se pensa que “se trata dunha cidade que ten 12.000 vivendas baleiras”.

A portavoz de Lugonovo destaca que todas estas consideracións non obedecen só ao criterio político que mantén a formación ao respecto desta cuestión, senón que forman parte das conclusións que se puideron extraer do descurso de destacados especialistas na materia que interviron, o pasado sábado, na Xornada Urbes Habitables que organizou a Plataforma.

“Agora, cando comeza, seguindo a vía ordinaria, o trámite de avaliación ambiental do proxecto é cando se debe debater e abordar qué futuro quere a veciñanza para esta parte da capital: se deixar cega á Tinería ou se apostar por outra liña continuísta coa configuración arquitectónica actual. Agora aínda estamos a tempo de evitar que as cousas se sigan facendo mal porque, ¿Lugo realmente quere e necesita unha intervención urbanística coma esta? ¿Ten sentido erguer novas edificacións xusto ao carón dun barrio practicamente abandonado, cando xa conta con tantos inmobles de gran valor patrimonial agardando a ser restaurados?”, cuestiona Cristina Pérez. “Nós témolo claro!”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo