Machismo no 2019

En cada ano que comeza, sempre agardamos tranquilidade, progreso social, mellores condicións para a convivencia… e que os rapaces que se van incorporando á vida colectiva, sexan exemplo no que mirarse os que sabemos de tempos máis desiguais, de ignorancia, de violencia, de crispación.

E ano tras ano, tememos que non se estea progresando, que ás veces se retrocede, que a violencia, o machismo, o abuso e o crime seguen vivos no Estado do que formamos parte. E sen embargo, isto móvese, a conciencia de igualdade e de respecto entre sexos afiánzase, e ningún ser humano consciente, cabal, e libre de sustancias asasinas, pode tolerar as agresións do forte ao débil, do grupo á individualidade, do home á muller.

Nos meus tempos mozos, nos pobos, todos sabíamos de problemas nas parellas, nos matrimonios. Pero o contorno familiar era un muro de silencio e a Lei nunca escrita pero de xeral cumprimento era que unha persoa, aínda sabendo que existían problemas e violencia, non podía meterse nun asunto matrimonial… o que ocorrira nunha parella era só cousa desa parella. E desto non hai máis de cinco d
décadas.

Por outra parte, como o fenómeno pode dirixirse en ámbalas dúas direccións, non só era frase de utilización humorística a de “A muller que lle pega ao home, fai ben se pode”, senón que chegou a haber representacións gráficas e figuras con ese texto que hai tempo desapareceron das tendas de agasallos.

Porque é un fenómeno do que nunca se fala –apareceu de refilón no dialogo entre o PP e Vox en Andalucía- o do maltrato da muller ao home, que ogallá sexa unha excepción pero eu tiven un amigo benquerido que sufríu grave agresión física e moral, como parte máis sensible dunha parella desaxustada.

Este 2019 está sendo pródigo en agresións sexuais e violencia machista, pero non é para miralo con recelo porque o ano non ten culpa, xa que só é o marco temporal no que exercitamos as acción máis nobles ou as que máis nos envilecen.

Moito temos avanzado en conciencia do problema. E moito queda por facer, especialmente na educación dos rapaces, da que todos somos responsables na nosa casa, na nosa familia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo