Máis de 400 alumnos da ESO visitan a Fundación CEL

A Fundación CEL pechou o venres, cun grupo de alumnos de Secundaria do IES Leiras Pulpeiro, as visitas da edición 2017 – 2018 do Programa Atrévete, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en virtude do cal se achegaron á Fundación da CEL máis de catrocentos estudantes de Secundaria no últimos tres anos, co obxectivo de coñecer o seu traballo de apoio á creación de empresas e ao traballo dos emprendedores que desenvolven os seus proxectos empresariais no viveiro de empresas da entidade.

O Programa Atrévete é unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para promover o espírito emprendedor entre os rapaces de Primaria e Secundaria coa que a Confederación de Empresarios de Lugo e a Fundación CEL, apoiadas por diferentes empresas de Lugo (Cafés Candelas, Innolact – Quescrem, Madeiras Besteiro ou Amslab, entre outras), colaboran desde fai tres edicións.

O Programa Atrévete foi crecendo edición a edición na Fundación CEL: en total, esta entidade recibiu a 450 alumnos nas tres edicións nas que participou, pertencentes a catorce centros educativos de distintos puntos da provincia de Lugo; preto da metade deles (215) son alumnos de Secundaria este último curso 2017-2018. A estes, hai que sumar aos rapaces de Primaria que participan no Programa, e que neste caso visitan o CIFP Politécnico de Lugo, que lles recibe con actividades adaptadas á súa idade tamén dirixidas a espertar o seu espírito emprendedor.

O crecemento continuo dos alumnos visitantes é para a Fundación CEL “unha mostra de que este programa de achegamento ao traballo do sementeiro de empresas e dos emprendedores gusta entre os máis novos da provincia de Lugo”.

A segunda visita do IES Leiras Pulpeiro, a última desta edición, tivo lugar o venres 13 de abril, incluíu como é habitual un percorrido polas instalacións e a historia da Fundación CEL, así como encontros con emprendedores, neste caso os impulsores de empresas como 3 edata, Lignia, Aleutos e Legalmit, e unha posterior visita ás instalacións dunha empresa lucense, neste caso as da rotativa do Grupo O Progreso.

A finalización das visitas abre o prazo para que os alumnos (tanto de Primaria como de Secundaria) que participaron neste programa se presenten ao Concurso de Ideas Empresariais do Atrévete, a través do que a Consellería de Educación premiará con catro tablets ás catro mellores ideas empresariais presentadas (dúas tablets para as dúas mellores ideas de quinto e sexto de primaria e dúas tablets para as dúas mellores ideas de primeiro e segundo da ESO). O prazo de presentación de ideas, que os centros poden enviar a comunicacion@cel.es, permanecerá aberto ata o día 25 de maio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com