Máis de 400 deportistas participarán nos XXI Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, xunto co Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o presidente de Aspnais, José Reigosa, presentaron este xoves no Salón de Plenos os XXI Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual.

Esta competición, que contará con 400 nadadores que participarán nesta edición e dos que 111 serán da provincia de Lugo, celebrarase este sábado, 11 de novembro, na piscina municipal das Pedreiras. A inauguración da proba terá lugar ás 10:45 horas, estando prevista a súa clausura para as 19:00 horas nas mesmas instalacións.

Na presentación, Miguel Fernández agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar con estes xogos, que veñen dar continuidade aos xa disputados na nosa cidade, como o de baloncesto en novembro de 2015, a marcha ciclista unificada no mes de agosto do ano pasado, ou o Campionato Nacional de Probas Motrices no 2014”.

Rivera Capón puxo en valor este tipo de iniciativas e felicitou a Special Olympics “por organizar estes xogos, que traballan para botar abaixo barreiras e obstáculos físicos e de prexuízos, que son as que realmente entorpecen a total integración”.

Pola súa banda, José Reigosa agradeceu “tanto ao Concello como á Deputación pola colaboración permanente en apoio a este tipo de iniciativas tendentes á impulsar a convivencia e superación de todos e todas estas atletas”.

Para Eladio Fernández, e para os deportistas desta competición, “a máxima deste tipo de competicións é a de tratar de gañar, e se non se consegue, polo menos deixade que me esforce para poder conseguilo”.

Todos coincidiron en animar ao público en xeral a asistir ás probas e comprobar, de primeira man, o compañeirismo reinante así como gran nivel competitivo destes nadadores galegos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com