O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que mañá quedará aberta ao tráfico a estrada LU-613, que une Cendoi (O Páramo) con Portomarín, logo de rematar os traballos de emerxencia que se executaron nas últimas semanas por mor do derrubo dun muro de contención en Pedrouzos, ocorrido o pasado 5 de xullo.
Asemade na vindeira semana calculase que quedarán rematadas totalmente as obras, unha vez aplicadada a capa de aglomerado no treito que falta, dende o punto onde se realizou a actuación de emerxencia ata Portomarín, o que suporá novos cortes de circulación durante un máximo de dous días.
Balseiro lembrou que as obras levadas a cabo nesta estrada no último mes suman máis de medio millón de euros, xa que aos 172.000 euros nos que está estimada a obra de emerxencia hai que engadir unha achega adicional de preto de 400.000 euros que se reservan para executar a obra ordinaria de reforzo localizado do firme.
Do mesmo xeito, procederase á limpeza e reperfilado das cunetas, que mesmo nalgúns puntos serán reconstruídas con formigón para evitar posibles danos por auga embalsada.