Manuel Silva publica “De profundis”, un ensaio sobre o silencio de Deus

O xornalista galego Manuel Silva García publicou “De profundis”, un ensaio sobre o silencio de Deus no mundo, no que, imitando a Job, pregúntalle por que a tanta xente boa ocórrenlle tantos males e desgrazas, mentres que moitos malvados gozan de bens, praceres e poder. Silva precisa que o título do libro –editado en Santiago por Andavira, con ilustración de portada de Ramón Irago e prólogo de Manuel Lombao– tomouno prestado do autor do salmo 130 quen, “desde o máis profundo da súa alma, clama a Deus e suplícalle que os seus oídos estean atentos á voz da súa súplica”. Tras sinalar que neste libro sente “como un pequeno Job do século XXI”, xustifica o seu interrogatorio a Deus en que tamén o ‘Santo da impaciencia’ -que era xusto e boa persoa- , ao verse acurralado polas desgrazas que lle estaban ocorrendo, dirixiuse a Yahvé para, mesmo, maldicir o día en que naceu, expresándolle o seu desexo de non existir e de ser “levado do ventre da súa nai ao sepulcro”. Entre outras cuestións, o autor do libro pregúntalle a Deus o seu parecer sobre os nenos que morren en pateras nas costas do Mediterráneo. Neste sentido, lembra como os países ricos de Europa dirixíronse, no seu día, non como emigrantes, senón como prepotentes conquistadores -con cruz e espada- aos pobres continentes de África, Asia e América para apoderarse dos seus ricos xacementos. E, agora, cando moitos dos seus habitantes chegan moribundos e famentos en pateras ás nosas costas e fronteiras, Europa encóllese de ombreiros e mira para outra parte. Tamén lle pregunta se Hitler e os millóns de abrasados nos fornos crematorios dos seus campos de concentración comparten ou non o mesmo ceo. E asegura que se lle encolle e conxela a alma ao ver a criminal agresión de Putin sobre o pobo ucraíno, e móstrase conmovido ao ver como o volcán da illa da Palma arrasou colleitas e colexios, casas e capelas. Reclama, así mesmo, a súa opinión sobre os relixiosos que abusaron e abusan sexualmente dos seus indefensos alumnos e pregúntalle se comparte as condenas dos xerarcas da Igrexa aos promotores e seguidores da Teoloxía da Liberación. O libro tamén recolle unha longa carta, supostamente asinada por Deus, na que, ao responder as cuestións expostas polo autor, afirma estar de acordo con el en moitas das súas inquietudes, á vez que dá algunhas pistas sobre a súa presenza e a actuación do Cristianismo e dos cristiáns no mundo. Manuel Lombao abre o seu Prólogo deste libro dicindo: “Co moi alta bagaxe histórica, filosófico, teolóxico e xornalístico que posúe, Manolo Silva García pode permitirse abrir este libro cunha “Carta a Deus Pai” e clamarlle desde o máis profundo. Desde o “Por que me abandonaches?” ao “Silencio de Deus”, as dúbidas e as preguntas percorren desde a Biblia e o libro de Job ata os masacres das guerras, as mortes dos nenos migrantes, os escándalos da Igrexa e os abandonos e mortes dos maiores pola Pandemia do Covid nas Residencias en 2021. Coas entradas:” “Quéixome e pregunto” e “ cáelleme a alma con”, sospeito que moitos lectores compartirán esas dúbidas e preguntas”.

Manuel Silva García (Moldes-Melide, A Coruña) é xornalista. Está licenciado en Ciencias da Información e diplomado en Filosofía e Teoloxía. Tras dedicarse cinco anos á docencia e formación de mozas en Lugo, en 1975 ingresou na Axencia EFE, da que foi Delegado no País Vasco e en Navarra, onde en 1983 foi elixido presidente da Asociación da Prensa de Pamplona. En Madrid foi responsable de Información Parlamentaria, xefe da sección de Sociedade, reactor-xefe e subdirector do Departamento de Nacional, director dos Departamentos de Gráfica e Reportaxes, así como asesor da Presidencia de EFE. É autor de varios libros, a maioría de poesía.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com