A Mariña concéntrase en contra da nova Lei de Saúde da Xunta

Veciños da Mariña e traballadores do Hospital de Burela participaron esta mañá na concentración convocada pola Xunta de Persoal do centro sanitario contra o que tildan de “desmantelamento” do Hospital da Costa pola nova Lei de Saúde de Galicia que a Xunta presentou nos pasados días.  Con esta concentración a Xunta de Persoal  asegura que busca “denunciar a supresión da Área Sanitaria da Mariña e pola que o HULA terá que absorber a maior parte dos recursos sanitarios da costa lucense”.

A Xunta de Persoal do centro recrimina a “covardía do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que acudiu esta mañá ao Hospital da Costa para informar sobre a reforma da Lei de Saúde só aos medios de comunicación e non publicamente ao persoal do hospital”, segundo indica a CIG A Mariña nun comunicado enviado aos medios.

Apoios á concentración

Nesta concentración estiveron presentes, entre outros, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, acompañado do voceiro do grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, o voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado Quintela, o Deputado Autonómico pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez Martínez, o Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Santos Ramos ou alcaldes da costa como o Alcalde de Burela, Alfredo Llano ou a alcaldesa en funcións do Concello de Ribadeo, Ana Martínez.

A rexedora aproveitou tamén para criticar a falla de pediatra e doutros facultativos no centro de saúde ribadense e demandar un área sanitaria da Mariña. A alcaldesa en funcións declarou que “como podemos comprobar nos últimos tempos a merma de determinados servizos sanitarios, como ocorreu durante estes días nos que se falou publicamente da falla dun pediatra no centro de saúde de Ribadeo, é algo que se ven repetindo con certa normalidade”.

“A nova lei amplía a oferta”

Doutra banda, se atopaba o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro que visitou esta mañá o Hospital de Burela para dar unha rolda de prensa na que explicou que a nova norma “lonxe de debilitar o Hospital da Costa permitirá seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima” e que o hospital de Burela seguirá a ser “o centro de referencia para os veciños do norte da provincia”.

Balseiro indicou que a futura norma busca consolidar o modelo de xestión integrada xa existente e que precisamente permitiu acercar os profesionais aos pacientes evitando viaxes desde A Mariña ata Lugo capital. Balseiro cuantificou este dato ao revelar que desde o ano 2012 e ata 2016, médicos do Hula trasladáronse ao Hospital da Costa para atender 8.579 consultas e outros actos asistencias desde Burela, evitando polo tanto o desprazamento de pacientes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com