Martiño Maseda recibe o premio de poesía Leiras Pulpeiro

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, Valentín García, participou esta mañá na entrega,a Martiño Maseda, do VII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, organizado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Valentín García lembrou “a importancia que ten o xénero poético e a que tivo no seu día na reincorporación da lingua galega ao ámbito da cultura tras os séculos escuros” e insistiu “en que a poesía foi a porta para que a lingua galega alcanzase a calidade e a difusión que hoxe ten o conxunto da nosa literatura”.

Ademais de Valentín García, no acto de entrega de premios interviñeron Elena Candia López, alcaldesa de Mondoñedo; Pilar García Porto, responsable da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo; Armando Requeixo Cuba, crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e membro do xurado, e os tres autores premiados.

O poeta galardoado co primeiro premio na presente edición do Manuel Leiras Pulpeiro de poesía foi o vilalbés Martiño Maseda Lozano pola obra Mapa de xeografía emocional. O segundo premio recaeu no ferrolán Alberte Momán Noval por 1(14)1 e o terceiro foille outorgado a Jorge Alonso García, nacido en Bos Aires e asentado en Vilagarcía de Arousa, por Documentos do escribinte.

O Concello de Mondoñedo anunciou que en 2019 publicará un libro cos poemas gañadores das sete edicións do certame celebradas ata o momento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com