Mascariñas

Levo mal o da mascariña, da que os entendidos dubidaron un tempo da súa utilidade, e que me resulta moi incómoda.

Hai meses, só contemplábamos mascariñas nos aeroportos, en persoas en transito a outros países, fose por problemas propios ou por temor a contaxio de males que circulan máis doadamente nas aglomeracións. Hoxe, por Lugo, a utilización é case xeral, por medo a contaxios ou por cumprir a obriga da súa utilización.

Por ser regular fisionomista, teño dificultades para identificar aos  coñecidos baseándome só na parte superior da cara, a menos que as súas características físicas axuden a recoñecelos, asaltándome a cinéfila sensación de vivir nunha vella película de vaqueiros onde os facinerosos protexían a súa identidade cubrindo cun pano a parte inferior da cara. Pero non son eu só o do problema, xa que cando hai uns días se  publicou a foto do xurado de Paradela, no que eu me atopaba, todos co medio antifaz de rigor, houbo amigos que me preguntaban cal era pola dificultade de identificación dos enmascarados.

Para voltar á vida normal, conseguida a circulación interprovincial, tomada a primeira caña en tres meses nun bar do centro, sabendo que en Lugo se van celebrar as tradicionais cerimonias solemnes do Corpus e se estean producindo actuacións musicais arredor da muralla, só me faltan as mascariñas, que parece que viñeran para quedarse por coidar que as transmisións orais  son as máis problemáticas, e os potentes virus permanecen no aire durante un tempo. Eu lévoas mal. Pero non tanto como a xente que a leva mal posta, por baixo do nariz, ou simplemente non a leva.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com