" />

Máximo seis persoas e peche perimetral de Galicia para o Nadal

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou esta mañá as primeiras liñas do plan de prevención da Covid para as festas de Nadal. 

Entre os puntos máis importantes está o peche perimetral de toda a comunidade, dende o 23 de decembro e ata o 6 de xaneiro, así como a xuntanza limitada a unha unidade familiar, que, en casos de persoas maiores ou que vivan soas poderían xuntarse ata dous unidades familiares. En canto ás reunións familiares tamén quedan limitadas a 6 persoas non conviventes sen contar as crianzas menores de 10 anos. E recomendan que, de xuntarse dúas unidades familiares, que sexan en todas as festividades as mesmas.

Como xa se viña anunciando o toque de queda mantense das 23 horas ata as 6, excepto en noiteboa e noitevella que se alongará ata a 1.30 horas.

En canto aos peches perimetrais dos Concellos, a Xunta explica que “seguirán vixentes” todos aqueles que decidan manterse nas vindeiras reunións do comité clínico pero, “permitirase franquealos” para acudir a comer ou cear coa familia durante as celebracións como “motivo xustificado”.

Unha unidade familiar

“Este é o último Nadal sen vacunas, non tiremos pola borda todo o traballo feito”. Con estas palabras pedía precaución o Conselleiro á hora de resaltar que o plan de Nadal de Sanidade inclúe como recomendación principal que os festexos teñan lugar dentro da unidade de convivencia exclusivamente. Con todo, advirte o Goberno Autonómico que, no caso de ser “imprescindible” sumar algún non convivente, poderase engadir únicamente unha segunda unidade familiar.

García Comesaña instaba esta mañá a “non facer trampas ao solitario” lembrando que a recomendación e que, de reunirense máis de unha unidade familiar, “sexan estables durante todo o período de Nadal” é dicir, que para todos os encontros festivos sexan as mesmas unidades as que se xunten e “non anden rotando”.

Deste xeito e, tendo en conta que de ter un contacto positivo teríase que gardar unha corentena de, mínimo, 10 días; o Goberno autonómico recomenda “os mínimos contactos posibles en días previos” e que “se reduzan as relacións sociais” con todos aqueles cos que non se vaian a pasar as festas. Lembramos que unha persoa que teña contacto cun positivo no día de hoxe, tería que pasar confinado Noiteboa e Nadal, aínda tendo unha PCR negativa, de aí que se recomende os menores contactos posibles para non xerar un contaxio masivo tralas festas.

Seguridade en xantares e ceas

O Comité clínico, ademáis, establece certas recomendacións de cara a mellorar a seguridade en xantares e ceas familiares. Os expertos recomendan xuntarse en lugares abertos, preferentemente en exteriores e, de non ser posible, en interiores moi ventilados. Do mesmo xeito, aconsellan gardar as distancias de seguridade, é dicir, sentados en mesas amplas e gardando, na medida do posible, 1,5 m de distancia entre comensais e, por suposto, manter a máscara o máximo tempo posible.

Outra das recomendacións pasa pola posta a punto da comida e, incluso, da mesa. O comité clínico de Sanidade aconsella que sexa unha única persoa a encargada de poñer a mesa e coas mans lavadas “con auga e xabón” previamente; non compartir bebidas ou comidas e, cando un comensal se levante da mesa, que desinfecte as mans antes de volver a sentar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo