Medio Ambiente adaptará os parques infantís da cidade ás novas esixencias sanitarias

Dende a área de Medio Ambiente do Concello de Lugo, infórmase que, debido á próxima apertura das áreas de xogo infantís municipais polo relaxamento das medidas do Estado de Alarma, durante as vindeiras xornadas procederase á instalación de dispensadores de solución hidroalcohólica en todos estes espazos recreativos, así como á colocación de carteis indicadores das limitacións de aforo nos recintos, co obxectivo de cumprir as recomendacións sanitarias estatais. Ademais, garantirase a desinfección e limpeza diaria das instalacións e do mobiliario urbano que conteñen, “xa que as tarefas de conservación e mantemento se desenvolveron de maneira continuada durante todo o confinamento polo que non se prevé ningunha necesidade específica de posta a punto nos mesmos”, indicou o edil Álvaro Santos.

Asemade, o concelleiro responsable “solicita a comprensión da cidadanía se estas tarefas se estenden máis aló da fin de semana, “debido ao elevado número de parques que hai no concello, á dispoñibilidade que poida haber no mercado de existencias suficientes destes produtos e ao escaso marxe de manobra que se deixou ás administracións locais para poder levar a cabo e axustalas, en apenas dous días, ás disposicións do DOG; polo que pedimos que mentres duren os labores de adaptación, as/os usuarios extremen as precaucións cando fagan uso destes espazos e respecten o distanciamento social establecido”. “Malia isto, dende a área de Medio Ambiente, trataremos de que a totalidade das dotacións municipais estean listas canto antes para o uso e goce da veciñanza, especialmente dos nenos e nenas lucenses que tan ben se levan comportado durante toda esta pandemia”, concluíu Álvaro Santos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com