" />

Medio Ambiente inicia a reparación da rede de saneamento na calella do Ceao

O edil de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Álvaro Santos, supervisaba esta mañá os traballos de reparación iniciados para subsanar un problema de filtracións detectado na calella entre a rúa da Industria e a dos Canteiros, no polígono do Ceao. Os traballos pasan pola renovación dunha tubaxe da rede de saneamento.

“A avaría ten varias orixes, por unha banda o desgaste derivado da antigüidade das instalacións pero tamén o deterioro motivado polo depósito de materiais neste camiño o que fixo agravar o estado de conservación do firme e das conducións”, explicou o concelleiro quen tamén sinalou que as verteduras de augas residuais que se veñen rexistrando na zona son “froito das pequenas roturas que presenta a canalización que agora se vai substituír e que, entre outros factores, foron provocadas polo crecemento da vexetación e das súas raíces”.

O responsable de Medio Ambiente referiu tamén que, aínda que as tarefas se contrataron con anterioridade, o seu inicio debeu adiarse ata esta semana debido á mala climatoloxía. “A choiva anegou o terreo impedindo calquera actuación sobre el. Condicionantes aos que tamén hai que engadir a falta de espazo para desenvolver os labores, xa que o canellón apenas ten metro e medio de ancho, unha estreitura que dificulta o operativo e limita o tipo de maquinaria que se pode empregar”.

“Aínda así, agardamos que nas próximas xornadas o problema quede definitivamente resolto sen que volva causar prexuízo algún ás naves da contorna”, concluíu Santos Ramos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo