Medio Ambiente licitará a instalación de tres vivendas de promoción pública en Sober

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitará mañá a redacción do proxecto e a obra para a instalación de tres novas vivendas modulares de promoción pública no Concello de Sober (Lugo), o segundo municipio galego en beneficiarse deste programa pioneiro impulsado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao rexedor de Sober, Luis Fernández, con quen mantivo unha reunión de traballo para abordar diversos asuntos de interese para o municipio. Concretamente, Vázquez Mejuto explicoulle ao alcalde que o contrato sairá a licitación por un importe inicial de case 500.000 euros e cun prazo estimado de execución de 10 meses, polo que a previsión é que o próximo ano estas vivendas estean xa dispoñibles.

Con este programa a Consellería busca un dobre obxectivo xa que, por un lado, a construción modular supón unha forma áxil de incrementar o parque de vivendas protexidas existente xa que reduce de forma notable os tempos de construción e pola outra, tamén representa a aposta da Xunta pola innovación en materia de edificación residencial.

Neste sentido, cómpre precisar que, unha vez redactado o proxecto construtivo e supervisado por parte do IGVS, o proceso de construción destas vivendas levarase a cabo na súa totalidade en fábrica. Deste xeito, o impacto no lugar elixido en Sober para a súa localización será mínimo, xa que a única obra requirida previa á montaxe e instalación destes inmobles será a execución dos cimentos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com