Merluza do pincho, cordeiro galego e castaña, protagonistas das Exaltacións Gastronómicas

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real presentaron este xoves, no salón de actos da Deputación, as xornadas Exaltacións Gastronómicas…E Para Comer Lugo correspondentes ao mes de xuño. Estas degustacións gastronómicas terán lugar, entre os días 21 e 30 deste mes, en 50 establecementos de hostalaría de 23 concellos da provincia.

A merluza do pincho de Burela, o cordeiro de raza ovella galega e a castaña de Galicia serán os produtos protagonistas do presente mes. Cociñados baixo diferentes estilos, estes ingredientes serán introducidos nos menús dos restaurantes que participan neste programa de promoción gastronómica da provincia E para comer…Lugo.

Na provincia de Lugo véndese máis do 70% da merluza do pincho fresca que se comercializa en toda Galicia. Os ingresos por primeira venta desta especie “raiña” de Burela ascenderon a uns 44 millóns de euros no 2018. Burela é o principal porto galego comercializador de merluza do pincho, que se captura con anzois seguindo as artes da pesca artesanal. Esta actividade, supón un altísimo impacto para o desenvolvemento económico e social desta localidade, para toda a comarca da Mariña lucense e para a provincia en xeral.

Respecto a raza Ovella Galega, existen preto de 35 ganderías desta raza. A provincia de Lugo conta case co 40%, sobre 1.100 reprodutoras, do censo da raza Ovella Galega. A venda dos cordeiros para autoconsumo e restauración constitúe unha importante fonte de ingresos para este sector. O prezo medio do quilo desta carne ascende a 10 euros.

O incremento dos censos e ganderías ao longo destes últimos anos traduciuse nun importante impacto económico vital para a recuperación desta raza, que conta cada vez con mais peso, e que contribúe ao fortalecemento do sector rural. En canto ao sector das castañas, en Galicia comercialízanse entre 15.000 e 20.000 toneladas cada ano, en función da temporada. Isto supón un volume de negocio de entre 30 e 45 millóns de euros ao ano para o sector produtor que se eleva a máis de 100 millóns de euros no sector transformador e comercializador.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo