Meteogalicia reforza a rede de observación instalando unha nova cámara web no Concello de Monforte

MeteoGalicia continúa reforzando a súa rede de observación por toda a comunidade. Desde hoxe está operativa en Monforte de Lemos unha nova cámara web, de tal forma que o organismo meteorolóxico dependente da Xunta xa dispón dun total de 27 repartidas polas catro provincias, 8 delas na de Lugo.

Precisamente, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, visitou esta mañá a localidade lucense para coñecer a nova instalación, emprazada nas inmediacións do Parador de Monforte por ofrecer unha vista xeral de todo o val, idónea para os obxectivos que se perseguen.

Estas cámaras web mostran información meteorolóxica do lugar como pode ser o estado do ceo, a temperatura ou o vento, polo que son un complemento moi útil aos datos das variables meteorolóxicas clásicas, xa que contribúen a mellorar a información subministrada á poboación a nivel local.

Así, tanto na páxina web como na aplicación de MeteoGalicia poden consultarse as imaxes obtidas por esta rede de visores web cada cinco minutos. Ademais, tamén está dispoñible unha animación do día en curso e da xornada anterior e inclúese un enlace coa vista que abrangue cada cámara.

Deste xeito, tal e como subliñou Sagrario Pérez, préstase un mellor servizo aos usuarios de Meteogalicia, que teñen a posibilidade de observar directamente o estado do ceo, a dirección do vento ou a situación do mar en tempo real. Neste sentido, subliñou que a posta en funcionamento da nova cámara web de Monforte se enmarca dentro das actuacións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para ampliar a cobertura e mellorar as redes de observación ambiental de Galicia e actualizar os equipos de medición das mesmas, de xeito que incorporen os últimos avances científicos e técnicos en instrumentación e metodoloxía de medida para dispoñer de máis e mellor
información sobre os ecosistemas galegos e a súa vulnerabilidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com