Nas últimas horas, a política lucense viviu momentos de gran intensidade, cun auténtico vaivén de emocións tanto no equipo de goberno como na oposición. Uns e outros compareceron ante os medios en diferentes roldas de prensa, ata un total de tres. Dúas delas foron convocadas polo Goberno municipal e tiveron lugar diante do Concello, mentres que a terceira, protagonizada pola oposición, celebrouse nos salóns do hotel Méndez Núñez, un espazo habitual para este tipo de actos políticos e escenario de importantes momentos ao longo da historia da cidade.
Foi precisamente nesta última comparecencia onde o Partido Popular explicou os motivos para presentar a moción de censura contra o alcalde, Miguel Fernández. A encargada de detallar estas razóns foi Elena Candia, xefa da oposición, que estivo acompañada polo presidente do PP de Lugo, Ramón Carballo, e pola edil non adscrita María Reigosa, elixida inicialmente nas listas socialistas. Xunto a eles tamén estiveron presentes outros membros da candidatura, arroupando a intervención nun acto que deixou clara a relevancia do momento político que vive a cidade.
Este é un resume dos motivos que levaron aos populares a presentar a moción de censura. A mesma presentárona porque consideran que o goberno actual non está a facer ben o seu traballo en aspectos importantes da cidade. Por unha banda, critican que non hai suficiente compromiso coas asociacións e colectivos sociais, xa que moitas entidades teñen dificultades para desenvolver o seu labor e non reciben o apoio necesario. Para solucionalo propóñense mellorar servizos como a axuda no fogar, crear recursos para persoas maiores, familias e migrantes, e facilitar as axudas para que cheguen máis rápido.
Tamén sinalan que “a seguridade cidadá non é unha prioridade para o censurado equipo de goberno, xa que faltan medios e presenza policial, especialmente en determinados barrios. Por iso, propóñense aumentar os efectivos e mellorar a organización para dar respostas máis rápidas ante problemas”.
Outro dos motivos nos que basean a moción son: a mobilidade na cidade “cada vez é máis complicada, con problemas de tráfico e falta de aparcamento. Ante isto, propoñen crear novas prazas de estacionamento, mellorar o transporte público e facer cambios no plan de mobilidade para evitar atascos”.
Ademais, critican que “hai pouca colaboración con outras administracións, o que fai que proxectos importantes non avancen, como obras de saneamento, novas infraestruturas ou melloras en servizos básicos. Tamén se fala dunha parálise xeral, tanto en grandes proxectos como no mantemento diario da cidade, como parques, zonas verdes ou servizos municipais”.
Por outra parte, acusan ao goberno de “gastar diñeiro en proxectos pouco útiles, o que provoca que a cidadanía teña que pagar máis impostos. Finalmente, tamén se destaca a falta de medidas para fomentar o emprego e a economía local, especialmente para a xente nova e o pequeno comercio”.
En resumo, a moción de censura presentárona porque consideran “que o goberno está bloqueado, non resolve os problemas da cidade e non impulsa o seu progreso”, polo que propoñen un cambio para mellorar a situación de Lugo”.
Miguel Fernández, alcalde de Lugo.
O alcalde de Lugo presentouse ante os medios de comunicación rodeado polas concelleiras e concelleiros socialistas asi como por outros destacados dirixentes do Diante do consistorio o alcalde, Miguel Fernández, iniciou a súa intervención, cunha dura crítica á oposición: cualificando de tránsfuga a María Reigosa, que é o aval que “presenta Candia para asaltar o Concello de Lugo”.
Durante a súa comparecencia, o rexedor Fernández defendeu a xestión do goberno municipal e , asegurou que non existen motivos para a moción de censura, xa que, segundo afirmou, “o Concello funciona, os proxectos saen adiante e a cidade mellora”. Ademais, acusou a Elena Candia de actuar por interese político, que só busca “o poder e o mando”, e engadiu que o seu verdadeiro obxectivo sería a presidencia da Deputación provincial.
Segundo o rexedor, os populares promoven esta moción de censura por que están coñecendo enquisas nas que o Psoe mellora en intención de voto mentres que o PP baixa; e por outra, porque atoparon “a alguén disposto a deixarse comprar”.
Fernández rematou avisando que o vindeiro ano volverán ao goberno de Lugo.
Arroxo, tenete de alcalde.
Pola súa banda, o BNG, socio minoritario do goberno municipal, por boca de Arroxo, que estivo arroupado pola Ana Pontón, portavoz nacional do partido, e polas concelleiras, concelleiros e cargos de confianza no concello e na Deputación de Lugo, advertiu que a moción deixa varias frontes abertas: a praza que segundo o tenente de alcalde podería optar Reigosa na Xunta, aínda que ela asegurou na rolda de prensa que non ía optar a ela. Malia iso, asegurou, que farán un seguimento exhaustivo. Ademais, abriu a porta a investigar outra posible irregularidade vinculada á moción de censura. E, como o alcalde, asegurou que o ano que ven despois das eleccións municipais, volverán ao goberno municpal.






