Monterroso lanzará unha oferta de emprego para contratar a máis de 20 traballadores

O Goberno local de Monterroso continúa a traballar na procura de mellora dos servizos e de fomento do emprego para desempregados. Nas liñas deseñadas polo equipo de goberno figuran novos empregos nos departamentos de servizos sociais, educacional, nos servizos de obras, de limpeza, de medio ambiente, incendios, e no ámbito deportivo e cultural.

Catro novas contratacións de peóns de obras, , catro peóns de limpeza, un peón condutor, un peón de servizos múltiples, tres condutores de motobomba, un peón forestal suporán unha maior protección do medio ambiente e mantemento de vías municipais, espazos naturais así como de parques, xardíns e outras instalacións de uso colectivo.

Na mellora dos servizos prestados á infancia e para mellorar o fomento da conciliación contratarase un mestre de escola infantil e un técnico de gardería municipal para a escola infantil municipal.

Un novo coordinador de servizos sociais específicos será o encargado de coordinar o centro de día e o centro residencial municipal para impulsar e xestionar estes servizos e apoiar as dúas traballadoras sociais coas que conta actualmente o Concello. No ámbito dos deportes contratarase un técnico deportivo para a planificación e coordinación de actividades deportivas e uso das instalacións deportivas, supervisión das instalacións e control de material para as actividades, entre outras funcións.

Asimesmo contratarase a un socorrista para a temporada estival na área recreativa A Peneda. Para impulsar a aula Cemit e fomentar o uso das novas tecnoloxías tanto entre as persoas máis novas como especialmente nas persoas de avanzada idade contratarase un técnico informático.

No ámbito cultural formará parte da plantilla de traballadores un técnico de turismo para promover a diversidade cultura e a interacción entre o patrimonio e o desenvolvemento cultural. Encargarase da animación, coordinación e información a visitantes interpretando o patrimonio, os bens de interese cultural que se atopan en Monterroso e especialmente os que conforman o centro de interpretación da feira interactuando co visitante e despertando o seu interese.

Todos estes novos empregos forman parte dun novo plan de fomento do emprego para o ano 2022 que suporá un custo económico de máis de 250 .000 euros que serán financiados con fondos propios e con subvencións doutras  administracións.

A alcaldesa, Rocío Seijas, destaca que “a intención é a de mellorar os servizos do Concello pero sobre todo dar unha oportunidade de emprego a persoas desempregadas, xa que as administracións debemos estar ao carón dos veciños”. Sinala que “dar un bo servizo á cidadanía, facilitar o emprego e conseguir o asentamento dos veciños é unha das maiores premisas que temos dende o equipo de goberno”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com