Morre o profesor Basilio Losada figura egrexia das Letras Galegas

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do académico de honra Basilio Losada (Láncara, 20 de xuño de 1930 – Barcelona, 9 de xullo de 2022). O tradutor, investigador e docente, emigrante en Cataluña dende cativo, foi primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60. Dende alí realizou un destacado labor de animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, e exerceu de auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica.

Como tradutor, Basilio Losada contribuíu á proxección das letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán a autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra, entre moitos outros. Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües son algúns exemplos deste labor. Destacan tamén as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego e de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, contribución que lle valeu, en 1991, o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Basilio Losada deixa ademais un importante legado como investigador e divulgador das letras galegas, portuguesas e brasileiras. Mestre apreciado polas xeracións de filólogos que se formaron xunto a el, mereceu tamén o recoñecemento de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono. A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo. No ano 2015 ingresara na Real Academia Galega como académico de honra cun discurso titulado Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com