Segundo informa o 112 Galicia foi un dos implicados quen chamou ao 112 Galicia pasadas as 1:50 horas desta madrugada, explicando que acababan de ter unha saída de vía no quilómetro 1 da LU-P-2925, á altura do Paseo do Río Rato. O propio alertador sinalou que no coche ían catro persoas e que non conseguían saír ao exterior.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros e a Policía Local de Lugo, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento. Tamén se alertou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.
Os bombeiros confirmaron desde o lugar que excarceraron tres persoas. Ao mesmo tempo, e malia os esforzos, confirmouse o falecemento do condutor do vehículo.






