Na defensa dos dereitos lingüisticos

Desde o Colectivo Berro Seco na Defensa dos Dereitos e Liberdades, aproveitamos este Día das Letras para denunciar a reiterada vulneración dos dereitos que sofren as persoas galegofalantes en Galicia e nos territorios estremeiros onde se fala o noso idioma. Ser galegofalante habitual na nosa comunidade segue tendo unha fonda carga pexorativa social e na práctica a acción de se expresar en galego como algo habitual segue véndose como un acto de atraso e incultura ou a expresión de ideoloxía política. A situación das persoas galegofalantes nos territorios estremeiros como o Eo-Navia, o Bierzo, As Portelas e Calabor é aínda moito peor ao non ter o idioma galego ningún recoñecemento oficial.

En Galicia aínda se seguen dando casos de persoas que non son contratadas por ser galegofalantes, son despedidas ou forzadas a cambiar a lingua de seu para conservar o emprego. Estas prácticas tan estendida de vulneración sistemática dos Dereitos das persoas galegofalantes  incumprindo as leis que protexen o uso do noso idioma é tamén unha práctica habitual de moitos concellos, Xunta de Galicia e mesmo tribunais de xustiza. Por poñer un exemplo chega con dicir que a presentación de expedientes, reclamacións, solicitudes, recursos, … en lingua galega non garante que a resposta administrativa sexa no mesmo idioma. Fora das fronteiras administrativas da CAG nin sequera está permitido presentar escritos en galego. A discriminación lingüística, tamén acontece nos altos tribunais galegos como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Somos coñecedores que distintas salas do TSXG non só fan unha vulneración sistemática dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes negándose a resolver os expedientes en lingua galega aínda que os escritos sexan remitidos en galego senón que teñen chegado a facer prácticas humillantes como a tradución ao castelá dos lexítimos nomes de persoas galegofalantes que presentaron documentación en galego. Tamén teñen usado a práctica detestable de  deturpar o nome co fin de reducir a galeguidade dos mesmos.

Desde Berro Seco RECLAMAMOSLLE ao Sr. Rueda que como o novo Presidente da Xunta de Galicia actúen de xeito decidido con medidas concretas para erradicar dunha vez por todas a galegofobia existente na sociedade, empezando pola que está instalada nas institucións públicas, que co seu comportamento ao tempo que nos negan o noso dereito a sermos atendidas en galego contribúen ao desprestixio da nosa lingua e, se esforce na defensa dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes no conxunto da sociedade galega. Debe tamén -ao noso entender- velar polos dereitos lingüísticos das persoas que usan o noso idioma nos territorios do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas e Calabor.

Colectivo Berro Seco na Defensa dos Dereitos e Liberdades

Santiago, 17 de Maio de 2022.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com