Nace en Lugo a Plataforma contra a Impunidade do Caso Carioca

Plataforma Cidadá contra a Impunidade do Caso Carioca acaba de constituirse en Lugo co obxectivo de levar a cabo accións de reivindicación e sensibilización para concienciar á sociedade lucense da necesidade de protexer e reparar o sufrimento das vítimas afectadas por esta trama de proxenetismo e trata de mulleres con base no noso municipio. Ademáis pretenden alertar ante o perigo de que unha parte importante dos delitos queden impunes ante certas decisións das autoridades xudiciais que están a deixar ás vítimas  desamparadas.

A Plataforma porá en marcha unha serie de actividades informativas e reivindicativas, que comezarán o vindeiro mércores 31 no Museo Provincial de Lugo coa estrea do documental sobre o Caso Carioca titulado “Benvidas ao Club”, no que tomaron parte varias integrantes desta Plataforma, realizado pola artista lucense Carme Granxeiro; e coa distribución entre a cidadanía dun díptico resumo da principal información sobre este caso.

O punto de inflexión, que levou a un grupo de mulleres feministas e concienciadas contra a lacra da trata de mulleres con fins de explotación sexual, a organizarse nesta Plataforma foi a petición da Fiscalía de Lugo de sobresemento e arquivo dunha das pezas da instrucción da Operación Carioca, a relacionada co burdel coñecido como Club Liverpool, pola que están imputados o dono do local e catro gardas civís por sete presuntos delitos de abusos sexuais, prostitución coactiva, tráfico de influencias, revelación de secretos, omisión do deber de perseguir delitos e cohecho impropio.

“Esta peza é dunha importancia clave na defensa dos dereitos das mulleres e un exemplo paradigmático da vulnerabilidade das mulleres fronte ás estruturas de poder patriarcais, pois afecta a dúas vítimas inmigrantes que foron prostituídas e que sufriron abusos sexuais continuados cando eran adolescentes de 17 anos recén chegadas a España, co coñecemento expreso dos gardas civís asiduos ao local, e dirixidas por un presunto proxeneta que presumía abertamente da súa estreita relación cos membros das forzas de seguridade”, explican dende a Plataforma.

O ministerio fiscal é o garante da legalidade e da protección das vítimas, e ao non ser quen neste caso de cumprir coa súa función, “esta peza que investiga feitos tan graves e lesivos para a dignidade das mulleres denunciantes está abocada ao peche, coa conseguinte impunidade de tan graves delitos que canto menos merecen ser correctamente procesados”.

Para que non aconteza o mesmo co resto de pezas da causa que están por xulgar, a Plataforma quere deixar claro ante todos os grupos de poder implicados que a sociedade lucense está alerta, que lles preocupan os dereitos e o futuro das mulleres afectadas e que se articulará resposta social ante a inxustiza. O obxectivo da Plataforma é tamén rematar co silencio e tolerancia social con respecto á impune actuación cotiá das mafias, que campan ás súas anchas na nosa cidade e alrededores, e dar a coñecer a importancia e magnitude deste caso con máis de 400 mulleres identificadas como vítimas de trata e unha rede de crime organizado que supera os 85 imputados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com