A neve deixa sen transporte escolar a 148 alumnos da provincia

A acumulación de neve rexistrada nas últimas horas deixou sen transporte escolar a 148 alumnos de distintos concellos lucenses como Baleira, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela.

A esta hora o operativo de vialidade invernal da Xunta de Galicia continúa actuando ininterrompidamente nas estradas da rede autonómica debido ao temporal, que obrigou durante as últimas horas a retirar neve de ata 10 centímetros de espesor nos portos do Cebreiro, San Roque e Poio, na LU-633, así como no Alto do Viduedo na LU-637.

Con todo, a presenza de neve foi máis intensa durante a tarde de onte que durante a madrugada. As máquinas do operativo distribuíron en total 154 toneladas de sal e 38.000 litros de salmoira, actuando con especial incidencia en 24 tramos de montaña entre os que destacan as vías de conexión tanto do Cebreiro como da Fonsagrada.

Non foron, sen embargo, os únicos puntos afectados, xa que foi preciso actuar tamén en tramos como o porto da Gañidoira (LU-540), o alto do Couso (LU-751) ou mesmo no Alto do Faro na vía de alta capacidad CG-2.1, en Chantada. A primeira hora de hoxe todas as estradas da rede autonómica estaban abertas pero era preciso circular con precaución nos portos do Cebreiro, San Roque, Poio e Viduedo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com