Nomes novos para vellas rúas

En Lugo, estreamos nome novo para rúas de sempre, nomes que se ben foron aprobados en maio do pasado ano, ata agora non se colocaron ou van colocar as novas placas. Para os habitantes desas rúas é un trastorno que só o tempo irá solucionando, pero a aplicación da Lei da Memoria Histórica obrigou a cambiar denominacións que lembraban xentes que fixeron unha guerra, e foron homenaxeados precisamente polos seus feitos de guerra. Os de agora son
nomes de xente de paz, e cabe esperar que sexan xa os nomes definitivos no rueiro lugués.
Nada direi dos nomes retirados para non ferir a familiares ou xentes de similar ideoloxía… Si dos novos, polo seu significado na vida lucense e galega dos últimos tempos…

Lois Peña Novo, vilalbés, galeguista das Irmandades da Fala, foi secretario do concello de Lugo e prestixioso abogado. Luis Cordeiro Rodríguez, abogado e mestre de Palas de Rei, director do colexio de Foz, foi Presidente da Deputación e impulsou extraordinariamente os Teleclubs de Lugo e de toda Galicia. Os Mártires de Carral foron fusilados por terse pronunciado en Lugo, en difícil tempo, contra o absolutismo real e en defensa do pobo. Avelino Pousa Antelo, galeguista, mestre con importante acción en Lugo, foi impulsor da renovación da agricultura por medio da formación dos mestres e gozou de xeral recoñecemento popular. Isaac Díaz Pardo, artista xenial, creou con Luis Seoane en Cervo a cerámica de Sargadelos, en Sada a de O Castro, e en Santiago o Laboratorio de Formas. Xaquín Lourenzo, mestre, honrado coas “Letras Galegas”, foi destacado investigador da cultura popular galega, fundamental para entender o pasado e o presente desta terra. E Adolfo Suárez, en fin, o decisivo presidente que propiciou a democracia en España, vituperado por case todos durante a súa presidencia e por todos loubado despois de morto.
Sete nomes para sete rúas lucenses aos que nos iremos afacendo pouco a pouco. Sete nomes que merecen rúa en calquera cidade galega, e que polo tanto en Lugo ben está que deste xeito se lles honre, uns lucenses, algún
polo traballo en Lugo, todos por ter contribuído decisivamente á existencia desta Galicia de hoxe. Todos entraron na historia, e desde agora teñen presencia na vida cotián da capital lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com