" />

Nova subida nos casos activos por Covid-19 en Lugo con 9 positivos máis

Nove positivos máis nas últimas 24 horas elevan a 93 os casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade , na súa última actualización. Compre destacar que das 110 PCR realizadas onte aos xornaleiros de Castro Ribeiras de Lea todas deron negativo, polo que se manteñen en 6 os casos positivos deste brote.

En canto ao número total de casos activos por Covid-19 en Galicia, hai que lamentar 111 positivos máis que onte, o que fai un total de 938; deles 544 son da área da Coruña, 93 da de Lugo, 60 da de Ourense, 51 da de Pontevedra, 118 da área de Vigo, 43 da de Santiago, e 29 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 están en UCI, 40 en unidades de hospitalización e 897 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.506 persoas curadas, rexistrándose 623 falecementos. A última persoa falecida foi un varón de 90 anos que estaba ingresado no CHUO e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 272.115.

Con todos estes datos dende a Consellería de Sanidade lembran que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 5 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería. Recordan a prohibición de fumar en terrazas ou lugares públicos onde non se poda manter a distancia mínima de 2 metros.

Asemade, recomendan extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Tamén debe evitarse tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo