" />

Nova xuntanza da alcaldesa cos veciños para reorganizar as liñas do bus urbano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este mércores no Centro de Convivencia Maruja Mallo un encontro cos veciños e veciñas de Fontiñas co fin de recoller as súas propostas, opinións e suxestións para o deseño do novo mapa de liñas de buses urbanos da cidade, dentro da campaña de participación cidadá impulsada polo Concello Móvete por Lugo.

Potenciar os intercambiadores da Ronda da Muralla para gañar axilidade nas viaxes e puntualidade nas paradas foi unha das propostas realizadas polos participantes. Tamén plantexaron aumentar as liñas por Fontiñas cara o HULA e O Ceao, establecendo traxectos que pasen pola zona sur da cidade, en vez de ir ao centro, que é por onde na actualidade pasan a maioría. Neste sentido, os veciños pediron que se fixen paradas na zona alta de Fontiñas, no entorno de Montirón, para facilitar as viaxes aos habitantes desta parte da cidade, xa que na actualidade para coller o bus ao HULA teñen que desprazarse a Montero Ríos ou á Ronda.

A rexedora, acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e polas concelleiras de Benestar Social e Economía, Ana González Abelleira e Ana Prieto, explicou pola súa banda aos asistentes que o Concello traballa na mellora das liñas, frecuencias e información de paradas e marquesiñas co fin de adaptar os buses urbanos ás necesidades da cidadanía e no marco do seu modelo de cidade, dirixido á potenciar o protagonismo do peón, fomentar o transporte público e reducir o tráfico de vehículos privados, o que, ademais de converter a Lugo nunha cidade “máis cómoda e accesible”, diminuirá a contaminación.

Esta é a quinta xuntanza enmarcada dentro da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello para reorganizar de xeito global as liñas do bus urbano, aproveitando o novo contrato do transporte. Ademais desta ferramenta de participación, os lucenses poden achegar propostas a través do correo electrónico creado especificamente para esta campaña: moveteporlugo@concellodelugo.org, ou ben a través de www.lugo.gal, ou do Servizo de Atención Cidadá 010.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo