Novas

A CIG-Saúde da Mariña alerta da perda de calidade asistencial nos centros de saúde da comarca

A CIG-Saúde da Mariña denuncia a situación na Atención Primaria de Viveiro e O Vicedo é “insostible” e que agora tamén se suman O Valadouro e Alfoz.

De feito, afirman que no centro de saúde do Valadouro falta o médico durante moitas horas e que “as urxencias serán derivadas principalmente ao Centro de Saúde de Foz, e tamén ao Centro de Saúde de Alfoz, aumentando deste xeito a carga asistencial das e dos profesionais deses centros”.

O Centro de Saúde Alfoz tamén estará varios días sen atención completa “xa que os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de novembro non hai médico en Alfoz de 8.00 a 8.30 horas e as urxencias tamén serán enviadas ao Centro de Saúde de Foz”, alertan.

Desmantelamento intencionado da sanidade

Segundo CIG-Saúde da Mariña, “este é o modelo que o goberno de Rueda e o PP promoven e impulsan a través dos xestores da Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, co obxectivo de trasladarlle á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública”.

Para CIG Saúde A Mariña é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade, e exixen a cobertura de todas as ausencias para garantir unha calidade asistencial digna.

O Centrad acollerá unha actividade sobre o outono para os máis pequenos

Mañá ás 16.30 horas terá lugar no Centrad unha actividade que achegará as tradicións de outono a todos os participantes. Esta actividade, que será para público familiar, contará cun obradoiro de fabricación de xoguetes sonoros, un obradoiro de xogos bailados e cantigas relacionados con estas datas, un magosto e xogos tradicionais da man de Xotramu, todo para darlle a benvida ao outono cunha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional e outras tradicións existentes na nosa cultura.

O taller conta coa axuda da Área de Cultura do Concello de Lugo e a cesión das instalacións para realizala por parte do Centrad.

Durante este acto farase entrega dos agasallos para os finalistas do X Certame de Debuxo dobre o baile e os instrumentos da música tradicional, no que participaron mais de 250 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo.

Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación, e que acadou este ano a súa décima edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, e axudar a que coñezan os nosos instrumentos e o noso baile tradicional.

A platafroma sanitaria da Mariña sumarase á nova concentración para pedir máis cobertura sanitaria no Centro de Saúde do Vicedo

A plataforma sanitaria da Mariña anuncia que apoia e acudirá á concentración que convoca a maioría do tecido asociativo do Vicedo para demandar a cobertura de xeito continuado das dúas prazas de médico de familia, que se celebrará o domingo 26 ás 11.30 horas diante do centro de saúde. “Segundo nos trasladan innumerables pacientes foilles imposible en moitos casos concertar citas para acudir ao médico, para renovar receitas, facer os partes de confirmación de baixa laborais así como tampouco ser atendidos coa cita que tiñan”, sinalan dende a asociación.

“Desde que este facultativo marchou trasladado a outro lugar o Sergas deixou de cubrir todos os días as prazas de médicos, enviando de vez en cando a outra persoa. Nestes últimos quince ou máis días solo viña solo unha médica un día á semana, ata que desde que os colectivos se deu a voz de alarma e saíron á rúa a apoiar a concentración que reuniu a tres mil persoas en Viveiro”, denuncia a plataforma. Tamén sinalan que dous días antes de que a xente saíra á rúa xa puxeron facultativo todos os días no Vicedo, “iso sí , sólo durante catro horas”.

Desde o colectivo sanitario da Mariña animan a todos os veciños a que acudan a esta concentración, que baixo o lema ‘Médicos en Vicedo Xa’ tenta conseguir que se dote ao seu concello do persoal sanitario que merecen advertindo á Xerencia e ao goberno da Xunta “que deixen de facer sudokus para tentar encaixar cun persoal baixo mínimos a xigantesca fenda sanitaria que eles mesmos crearon”.

Codex Cinema estrea ‘Teresa’, un filme baseado na figura de Santa Teresa de Jesús

Esta semana os Codex Cinema estrean o filme ‘Teresa’ a partir do venres 24 de novembro.

En ‘Teresa’ a actriz protagonista, Blanca Portillo, fai fácil o difícil. Enfronte un espléndido Asier Etxeandía manteñen un combate dialéctico deliciosamente escrito. Todo contribúe a entrar nesa conversación, a deternos nela e a saír do cinema algo cambiados

A película é unha adaptación da obra de teatro ‘A lingua en pedazos’ de Juan Mayorga, baseada na figura de Santa Teresa de Jesús, tamén coñecida como ‘Santa Teresa de Ávila’. Teresa espera paciente a chegada do Inquisidor para ser xulgada. Da súa visita e das súas palabras dependerá o seu futuro: liberdade, cárcere ou a fogueira.

O Foro Social da Mariña promove a palestra ‘A Vivenda: cara onde imos?’ en Barreiros

O Foro Social da Mariña acollerá unha charla sobre a situación da vivenda este venres ás 20.00 horas no Salón de actos do Centro Social de San Cosme de Barreiros. “Nestes tempos nos que están en cuestión dereitos tan básicos como o acceso a unha vivenda digna, situando a cada vez máis persoas nunha situación de vulnerabilidade, queremos someter a debate esta problemática que atinxe a ao conxunto da cidadanía”, sinalan dende a organización. A charla será impartida por Rubén Camilo Lois González, Catedrático de Xeografía na USC.

A problemática da vivenda en temas como a ordenación do territorio e as súas consecuencias, o encarecemento do aluguer, o incremento da vivenda turística, a necesidade dun parque público de vivenda, o encarecemento das hipotecas, os desafiuzamentos ou a vivenda baleira, serán obxecto de análise e debate na perspectiva da construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Dende o Foro proporcionan dous teléfonos de contacto para ampliar información:
– Xusto Fernández (FSM) 696094515
– Rubén Camilo Lois González. Relator. 647344141

A Fundación Galiza Sempre presenta en Lugo o caderno ‘O ferrocarril en Galiza’

A Fundación Galiza Sempre presenta o xoves 23 de novembro ás 20:15 horas no Vello Cárcere de Lugo o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está adicado ás infraestruturas de Galicia en materia ferroviaria. Un informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, ámbolos tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871).

O padroado da Fundación Galiza Sempre tomou a decisión de dedicar este oitavo volume da colección Ideas Impresas a analizar a fondo o sistema ferroviario galego. Faino a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. “Deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no noso país e interesantes conclusións útiles para o debate, o contraste de ideas e propostas e, en definitiva, para contribuír á construción dunha alternativa seria, rigorosa e ambiciosa para dotar á nosa nación dunha rede ferroviaria á altura do que precisa e merece a Galiza do s.XXI”, apuntan dende a asociación.

Na propia presentación, será repartido de forma gratuíta o caderno.

O PP de Vilalba critica a reforma do despacho da alcaldesa do municipio

O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena que “unha das primeiras medidas que toma a señora Rouco ao chegar á alcaldía sexa a reforma do despacho” especialmente tendo en conta que “o Concello se atopa nunha situación económica moi mala”.

Os concelleiros populares advirten de “gastos desproporcionados” por parte do goberno local e poñen como exemplo que “a alcaldesa socialista asinou dous decretos aprobando un gasto de preto de 20.000€ para mobiliario (18.047,88€) e estores (1.789,90€) cos que reformar a alcaldía”.

A voceira, Sandra López, explica que “cústalle máis ao Concello a reforma do despacho da alcaldesa que o arranxo da pista de Samarugo que se aprobou recentemente nun pleno extraordinario”. É dicir, “con eses cartos poderíase arranxar outra pista dalgunha das parroquias do noso rural”. En relación ás infraestruturas das parroquias lembran que “urxe intervir na ponte da Ribeira para garantir a seguridade dos usuarios”.

Outra das accións que podería impulsar o goberno vilalbés con ese diñeiro, sinalan dende o PP que podería ser “a recuperación dos talleres de dinamización social polas parroquias, como eran as actividades do ‘Rural Máis Vivo’ cancelado polo goberno socialista”. Lembran, de feito, que “a actual alcaldesa se comprometera fai máis de dous anos nun pleno a recuperar esas actividades”; pero “non cumpriu coa súa palabra”, subliñan.

A Casa-Museo Manuel María acollerá o espectáculo infantil ‘Fazulas e o ladrón de paraugas’

Fran Campos, da compañía Bandullo Azul, achegará este sábado 25  á Casa-Museo Manuel María o seu espectáculo de narración oral ‘Fazulas e o ladrón de paraugas’, con monicreques e música. Unha actividade que se iniciará ás 17.00 horas e que vai dirixida para nenas e nenos maiores de tres anos e para público familiar.

Baseada no libro ‘O ladrón de paraugas’ de Xosé Lueiro, o espectáculo conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para dar resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura, collido da empuñadura dun paraugas.

Fran Campos formouse en escolas de teatro, así como en obradoiros e clases maxistrais con mestres e mestras como Leo Bassi, Claudia Contín, Anton Valén, Jos Houben… Alén de ser membro fundador de Bandullo Azul, leva máis de dez anos e 300 funcións co Padre Merino, un espectáculo en que se mesturan o clown, o bufón, maxia, música…

Para asistir a esta actividade é necesario reservar (billete 2 euros) en  contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Volve o programa Concilia ao Círculo das Artes o 7 de decembro

O Círculo das Artes ofrece unha nova data do Programa Concilia. Trátase dunha proposta de conciliación familiar, para que os nenos tamén aprendan e se divirtan os días que non hai colexio. Ademais, o Círculo axuda ás nais e pais para que poidan conciliar a súa vida familiar e laboral.

Este tarller celebrarase o xoves 7 de decembro de 10.00 a 14.00 horas. Os madrugadores poderán entrar ás 8.30 e saír ás 14.30 horas. A inscrición xa está aberta e poderá formalizarse nas Oficinas do Círculo, ou a través do correo electrónico circulodelasartes@yahoo.es.

O programa inclúe talleres plásticos, manualidades, xogos populares, xincanas e ludoteca,
entre outras actividades. Á fronte estarán monitores especializados. A diversión está garantida durante toda a xornada, que inclúe a merenda.

 

Un home de 31 anos golpea as portas de varios edificios durante esta madrugada

Esta madrugada unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acudiu á rúa Pintor Villamil por un mozo que se adicaba a golpear as portas dos edificios.

Os axentes atoparon a esta persoa, un home de 31 anos en evidente estado de embriaguez, que golpeara as portas xa que non podería abrir coas chaves que tiña na súa vivenda. Coa axuda dos axentes puido abrir a porta do portal e a da súa vivenda, quedando no seu interior xa que rexeitou asistencia facultativa.

Outra intervención

Onte á tarde unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acudiu a un establecemento da rúa Quiroga Ballesteros por unha persoa que sentou no chan do local e se negaba a levantarse.

Os axentes, que acharon ao home sentado no chan en evidente estado de embriaguez, procederon a  incorporalo e acompañárono ao exterior, quedando sentado nun banco xa que non necesitaba asistencia facultativa.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com