O PP de Vilalba critica a reforma do despacho da alcaldesa do municipio

O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena que “unha das primeiras medidas que toma a señora Rouco ao chegar á alcaldía sexa a reforma do despacho” especialmente tendo en conta que “o Concello se atopa nunha situación económica moi mala”.

Os concelleiros populares advirten de “gastos desproporcionados” por parte do goberno local e poñen como exemplo que “a alcaldesa socialista asinou dous decretos aprobando un gasto de preto de 20.000€ para mobiliario (18.047,88€) e estores (1.789,90€) cos que reformar a alcaldía”.

A voceira, Sandra López, explica que “cústalle máis ao Concello a reforma do despacho da alcaldesa que o arranxo da pista de Samarugo que se aprobou recentemente nun pleno extraordinario”. É dicir, “con eses cartos poderíase arranxar outra pista dalgunha das parroquias do noso rural”. En relación ás infraestruturas das parroquias lembran que “urxe intervir na ponte da Ribeira para garantir a seguridade dos usuarios”.

Outra das accións que podería impulsar o goberno vilalbés con ese diñeiro, sinalan dende o PP que podería ser “a recuperación dos talleres de dinamización social polas parroquias, como eran as actividades do ‘Rural Máis Vivo’ cancelado polo goberno socialista”. Lembran, de feito, que “a actual alcaldesa se comprometera fai máis de dous anos nun pleno a recuperar esas actividades”; pero “non cumpriu coa súa palabra”, subliñan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com