Novas

O PP de Lugo quéixase da proposta do Concello de multar as entradas innecesarias de vehículos dentro da muralla durante as obras

O vicevocerio popular Enrique Rozas queixase de que as alternativas ao descontrol das obras que se desenvolven no centro sexa anunciar medidas improvisadas: “non hai planificación e actúan a rebufo da presión dos residentes, comerciantes e das iniciativas do Partido Popular”.

Os populares cren que as medidas anunciadas hoxe “castigan ao comercio e supoñen un golpe para moitos negocios do recinto amurallado” engadindo que “logo de crear os problemas, en vez de dar alternativas optan por aplicar sancións económicas”.

Rozas manifestou que “despois de oito meses o concello se dá conta de que non existe un Plan de Tráfico específico para estas obras pese a que o PP o solicitou cando se iniciaron estes traballos”.

A Policía Local de Lugo multará os accesos dentro da Muralla durante as obras para evitar desprazamentos non esenciais

O Concello de Lugo e a Policía Local veñen de poñer en marcha un dispositivo especial para constrinxir ao mínimo imprescindible o paso do tráfico rodado ao Centro Histórico.

“A medida obedece á petición que nos trasladou a veciñanza da Asociación Barrio Centro de Lugo para tratar de minorar o impacto que estaba tendo sobre as zonas peonís o paso de turismos, mellorando, así mesmo, a seguridade viaria en toda a contorna”, anunciou esta mañá a rexedora Lara Méndez xunto ao Intendente Xefe do Corpo, Jesús Piñeiro.

Os membros da asociación veciñal trasladaron na última reunión co Concello a súa percepción do incremento do número de persoas que empregan o recinto amurallado como un atallo. Tamén solicitaron que o acceso se restrinxa ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados.

Lara Méndez explicouque a campaña terá, inicialmente e durante un tempo prudencial, un carácter informativo e, posteriormente, será sancionadora de reiterarse incumprimentos continuados á mesma.

O dispositivo de vixilancia comezou esta mesma semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas, atendendo aos diferentes accesos existentes e á finalidade coa que foron habilitados polo Concello.

O Intendente Xefe da Policía Local deu conta de que se destinarán como mínimo dous indicativos diarios a este cometido, “sinaladamente en horarios nos que se rexistra unha maior concentración de tránsito. E sen entorpecer ao resto da circulación, detectarán o destino dos vehículos que accedan e interpelarán ás e aos seus condutores para que, sempre que sexa posible, empreguen itinerarios alternativos que non impliquen atravesar o recinto amurallado”.

Jesús Piñeiro afirmou que os primeiros días as indicacións terán carácter de advertencia pero, posteriormente, a Policía Local poderá aplicar sancións que alcanzan os 80 euros (40 € se se abona en pronto pago) en aplicación á normativa de seguridade viaria por nos respectar as prohibicións establecidas.

Suspendida a circulación ferroviaria entre as estacións de de San Clodio e Freixeiro

Adif vén de informar que a circulación da rede ferroviaria na liña León-A Coruña, entre as estacións de San Clodio e Freixeiro está suspendida por un desprendemento que ocasionou a interceptación da vía e a rotura da catenaria.

O desprendemento produciuse durante a madrugada, sen ningún tren en circulación neses momentos.

Adif mobilizou aos seus equipos, que traballan xa en despexar de terra e rocas a vía e na reposición de varios vans de catenaria, co obxectivo de restablecer a circulación canto antes neste tramo de vía única.

Renfe, pola súa banda, estableceu un Plan Alternativo de Transporte por estrada para garantir a mobilidade dos viaxeiros afectados.

O Concello de Lugo presenta a súa programación para o 25N

O Concello desenvolve desde hoxe, e ata o próximo 2 de decembro, a programación para conmemorar o Día Internacional para a eliminación de violencia contra a muller. Baixo o lema ‘A Violencia Machista parámola Unidas’, o consistorio aposta pola difusión cultural e as campañas de sensibilización como ferramentas para acadar o obxectivo de que a cidadanía siga implicándose nesta loita.

“Nesta edición, implementaremos a actividade Desmontado o machismo, na que a través de 13 paneis colocados na Praza Maior sinalaremos os principais mitos elaborados polo postmachismo contra o feminismo”, explicou a alcaldesa Lara Méndez.

A mostra é unha viaxe no tempo na que, a través das mensaxes iluminadas, se rebaten os principais argumentos ideados para desmotar a realidade social na que se actúa de forma violenta contra a muller polo simple feito da súa condición. Aspectos como os distintos tipos de agresións, o concepto de masculinidade, ou os mitos sobre a culpa e a coresponsabilidade son abordados neste espazo expositivo ao aire libre.

A alcaldesa recordou o simbolismo da tradiconal lectura do manifesto e ofrenda floral que terá lugar o día 25 ás 12.00 horas frorte a Árbore da Vida, na praza de Santo Domingo, e que contará coa actuación musical de Rut León. “As rúas de Lugo deben ser o escaparate transmisor da mensaxe de denuncia e solidariedade dun Lugo libre de violencia machista e libre de toda violencia contra as mulleres e nenas. O noso comercio, as nosas empresas, os vehículos profesionais ou os locais de hostalaria poden ser este ano protagonistas desta loita usando mensaxes que sensibilicen sobre a materia para rematar coa sociedade patriarcal semente desta forma de violencia”, afirmou a rexedora.

Nesta liña, a área de Cohesión Social deseñou para este 25-N, en colaboración co tecido asociativo e a comunidade escolar, distintas campañas de concienciación que perseguen continuar reforzando o apoio social ás vítimas e involucrar ao tecido económico e social da cidade. Nestas accións colaboran a asocación de Mulleres Empresarias, o Secretariado Xitano e os IES Anxel Fole e Ollos Grandes.

De xeito complementario estas campañas, tamén se celebrará un ciclo de cine no que as proxeccións realizaranse en distintos centros socioculturais da cidade. Así, o próximo día 25, o Vello Cárcere acolle o pase de ‘Te doy mis ojos’, de Icíar Bollaín. No mesmo escenario, o día 2 de decembro, se poderá visionar ‘Herself’, de Phyllida Lloyd. Pola súa parte, no centro de convivencia de Lamas de Prado proxectarase a curta ‘Viejas que hierven’, de Violeta Tapia, e a longametraxe ‘Salir de puta’, de Sofía Rocha. Ademais o centro de Milagrosa albergará o próximo día 1 ‘La Reina’, de Manuel Abramovich e ‘Las Lindas’, de Melisa Liebenthal. Todas as sesións serán de balde e comezarán ás 17.00 horas.

O Concello de Lugo informa sobre o avance das obras do centro

Despois do Pleno Extraordinario celebrado onte para falar sobre os traballos de peatonalización do Casco Histórico, o Concello de Lugo emitiu un comunicado no que fai unha previsión de avance nas próximas semanas das tres obras que se están realizando simultaneamente no centro.

Obra 1: Porta da Muralla, Bispo Odoario e Praza de Ferrol

Os traballos continuarán pola rúa Montevideo desde Ramón y Cajal cara a rúa Nova unha vez que estea formigonado o anaco que falta diante do hospital Quirón e se poida permitir o paso de vehículos por riba para dar acceso ao hospital, ao IES Xoán Montes e ao aparcadoiro de Vía Romana desde Bispo Odoario.

Á vez, continuarase co recheo e canalizacións de Quiroga Ballesteros e Amor Meilán, así como as escavacións, canalizacións e recheo da rúa Ramón y Cajal en dúas metades.

Obra 2: Praza de Ferrol

Continuarase co formigonado no carril de San Fernando no que se está traballando, para posteriormente poder pavimentar. En principio, salvo que resulte imprescindible ou altamente conveniente por xurdir algún condicionante durante a execución, non se prevé cortar a porta de San Fernando para dar saída ao tráfico de vehículos.

Unha vez finalizada a colocación de pavimento na Praza Ferrol (zona diante de Caixa Bank e entrada-saída do aparcadoiro municipal), poderase desviar o tráfico por esta zona recentemente executada para saír por San Fernando e poder así pechar ao tráfico na zona comprendida entre o cuartel de San Fernando e a Igrexa de San Froilán co fin de poder realizar as demolicións que faltan nesa zona, acometer servizos e pavimentar.

Prevese abrir a Porta Falsa, de tráfico peonil, nos próximos días, unha vez que se retire o bypass de auga que se puxo de maneira provisional.

OBRA 3: Praza de Santo domingo e Rúa Teatro

Comezouse co carril de subida de Teatro (Fase 1), pero foi necesario resolver certas cuestións como a aparición duns restos arqueolóxicos na zona superior da rúa Teatro, o redimensionamento da cimentación dos farois, a conexión dalgunhas acometidas e a confirmación do trazado dalgunhas canalizacións de compañías privadas, debido ás limitacións existentes polas cotas dos diferentes servizos e o reducido espazo de traballo.

Para poder avanzar mentres se resolvían estas cuestións, a empresa construtora propuxo ao Concello e á dirección de obra comezar a demoler nunha zona correspondente á Fase 3, por diante do restaurante Goiko e de Calzedonia, o que foi aceptado e está nestes momentos en execución (demolición realizada e canalizacións en marcha).

Igualmente o contratista propuxo ao Concello a posiblidade de comezar, de forma complementaria e en paralelo aos tallos abertos, a realizar a demolición e canalizacións nun carril e beirarrúa do tramo comprendido entre Armañá e Raíña, deixando un carril de paso. O Concello está a elaborar o Plan de Tráfico correspondente.

Modificación Santo Domingo

O proxecto contempla a realización dun estudo estrutural do forxado do aparcadoiro existente en Santo Domingo para determinar a capacidade portante do mesmo, co obxectivo de verificar se pode soportar a circulación de vehículos prevista. O calculista informou que o estudo preliminar non é concluínte e foi necesario realizar unha nova toma de mostras recentemente, polo que se está á espera de recibir o estudo determinante.

O Concello valora positivamente a primeira xornada da campaña ‘O noso mercado é un agasallo’

O Concello de Lugo deu conta dos datos rexistrados na primeira xornada da campaña ‘O noso mercado é un agasallo’, que ten como obxectivo incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal.

Na primeira mañá de promoción, rexistráronse 146 compras de máis de 40 euros, facturando os distintos postos da Praza e do Mercado un total de 6000 euros. Dende o Concello calificaron coma “un éxito” esta primeira xornada de promocións, e afirmaron que “seguiremos durante todas as semanas ata o nadal para promocionar dúas instalacións históricas como son a Praza e o Mercado”.

A campaña celebrarase durante o 2023 todos os sábados en horario de mañá. A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.

O BNG asegura que os veciños de Riocalco sofren da falta de limpeza dos ríos Ladra e Parga, da NVI e da vía do tren

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, achegouse ata ao concello de Begonte para escoitar as queixas dos veciños de Riocalco cada vez teñen un episodio de choivas forte.

Nesta visita, mantivo un encontro coas persoas afectadas do lugar. “A veciñanza de Riocaldo segue preocupada pola falta de limpeza das zonas de influencia dos ríos Ladra e Parga así como das da NVI e da vía do tren”, afirman dende o partido nacionalista.

Os habitantes da zona trasladaron ao deputado do BNG que esta situación ameaza con volver producirse este inverno coa chegada das choivas intensas. “Por todo iso, os veciños e veciñas do barrio de Riocaldo, reclaman ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que realice as obras necesarias para asegurar que as augas que se acumulan no lado máis elevado da vía férrea e da N-6, teñan paso suficiente ata a canle do río Ladra” aseguraron os galeguistas.

Neste senso, Néstor Rego anunciou que “desde o BNG impulsaremos no Congreso diferentes medidas para que se desenvolvan traballos de mellora e de mantemento para poder canalizar a auga de cara aos ríos e que non se encore a auga nesta zona”.

O PP de Lugo afirma que o Concello non está adherido ao programa de protección ás vítimas de violencia de xénero VioGén

O PP de Lugo considera “unha irresponsabilidade” que Lugo sexa a única das sete grandes cidades galegas que aínda non se sumou ao programa de protección ás vítimas de violencia de xénero promovido polo Ministerio do Interior no ano 2017.

A popular Aurora Goás compartiu unha publicación das redes sociais da alcaldía de marzo de 2021 na que o goberno local anunciaba que estaba preparando a súa adhesión a este protocolo dando a entender que “era unha tramitación que estaba xa practicamente feita”.

Goás anunciou ademais que no vindeiro pleno defenderá un rogo co que pedirá explicacións dos motivos do retraso e que se dea un prazo definitivo para que Lugo se incorpore ao VioGén.

Estacionamentos Lucenses e Lugo Monumental asinan un convenio de colaboración para facilitar o aparcamento no centro histórico

Estacionamentos Lucenses S.L., titular do aparcamento da rúa Ánxel Fole, e a Asociación Lugo Monumental asinaron un convenio cuxo fin último é mellorar a accesibilidade ao centro histórico da cidade mediante a práctica de regalar horas de aparcamento aos clientes dos establecementos asociados.

Para a Asociación é vital mellorar as posibilidades de que os establecementos poidan ofrecer horas aos seus clientes por unha determinada compra mínima (que cada local fixará de acordo aos seus propios criterios) e así vencer as posibles reticencias que os lucenses poidan ter para acudir ao centro histórico.

Segundo a Asociación, o convenio asinouse “co aparcamento máis amplo, máis cómodo e con mellores accesos do recinto amurallado” e agradece a Estacionamentos Lucenses “a súa vontade de colaborar co tecido empresarial do centro histórico”.

Experiencia piloto

Esta primeira experiencia contará coa participación dun mínimo de 25 locais que, para a próxima campaña do Nadal, entregarán aos clientes que estacionen no aparcamento da rúa Ánxel Fole os vales de aparcamento que consideren convenientes aplicando as súas propias políticas comerciais.

Os vales son acumulables, polo que unha persoa que faga as súas compras en varios establecementos adheridos á campaña poderán obter non unha, senón varias horas de aparcamento para gozar do centro histórico.

Os vales teñen unha validez de sete días desde a súa emisión, polo que os portadores poderán usar os que lles sobre, se é o caso, durante unha semana e así volver ao centro.

A III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais reunirá a 11 mulleres referentes

O Pazo de San Marcos acolle este xoves a III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, lembrou que a Deputación arrancou este foro de debate e reflexión arredor da igualdade hai agora tres anos, “cada edición dándolle unha perspectiva algo distinta, e nesta ocasión faremos diferentes mesas de debate que poden ser moi positivas para a reflexión colectiva, polo que convido á sociedade da provincia a que se una e asista porque será moi enriquecedor”.

Programa

A III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais arrancará ás 19:00 horas coa apertura da xornada e a continuación desenvolveranse mesas de debate no que participarán once mulleres: Marisol Morandeira, deputada de Muller e Igualdade; Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade; Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; Ana Belén Traseira, directora da UNED de Lugo; Ana Corredoira, gandeira; Carmen Lence, CEO do Grupo Lence; Dolores Varela, Foro Feminista de Lugo; Marta Engroba, presidenta de Si, hai saída; Sandra Piñeiro, xuíza; Olga Osorio, directora de cine; e Sheila Patricia, cantautora.

Entradas

Para asistir á xornada é preciso retirar as invitacións no Pazo de San Marcos, debido á limitación de espazo que ten o Salón de Actos. Pódense solicitar, de balde, no Servizo de Protocolo, e está habilitado o teléfono 982 26 01 34 para facer reservas e aclarar calquera cuestión arredor desta iniciativa.

En Camiño contra as Violencias

O Deputación completará a súa programación o venres, 25 de novembro, coa sétima edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12.30 horas dende o Pazo de San Marcos para rematar no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Unha acción coa que a institución provincial quere involucrar á sociedade lucense para condenar os feminicidios e os ataques e asasinatos ás mulleres.

Está organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Percorrerá o centro da cidade, dende a praza de San Marcos ata a escola, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, facendo varias paradas sinaladas con fume negro. Os estudantes portarán unhas bolsas negras que representan os cadáveres das vítimas da violencia machista.

Durante a andaina, o alumnado pedirá a colaboración da veciñanza para que participe mediante uns papeis aos que prenderán lume ao remate do camiño, con paradas en puntos estratéxicos do centro da cidade para a realización de accións reivindicativas moi visuais.

A maiores, está previsto que da fachada do Pazo de San Marcos se despregue unha gran pancarta coa mensaxe ‘Non é non’ para simbolizar a denuncia e repulsa da institución ás violencias machistas.

Así mesmo, a campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribúe estes días entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com