A Policía Local de Lugo multará os accesos dentro da Muralla durante as obras para evitar desprazamentos non esenciais

O Concello de Lugo e a Policía Local veñen de poñer en marcha un dispositivo especial para constrinxir ao mínimo imprescindible o paso do tráfico rodado ao Centro Histórico.

“A medida obedece á petición que nos trasladou a veciñanza da Asociación Barrio Centro de Lugo para tratar de minorar o impacto que estaba tendo sobre as zonas peonís o paso de turismos, mellorando, así mesmo, a seguridade viaria en toda a contorna”, anunciou esta mañá a rexedora Lara Méndez xunto ao Intendente Xefe do Corpo, Jesús Piñeiro.

Os membros da asociación veciñal trasladaron na última reunión co Concello a súa percepción do incremento do número de persoas que empregan o recinto amurallado como un atallo. Tamén solicitaron que o acceso se restrinxa ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados.

Lara Méndez explicouque a campaña terá, inicialmente e durante un tempo prudencial, un carácter informativo e, posteriormente, será sancionadora de reiterarse incumprimentos continuados á mesma.

O dispositivo de vixilancia comezou esta mesma semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas, atendendo aos diferentes accesos existentes e á finalidade coa que foron habilitados polo Concello.

O Intendente Xefe da Policía Local deu conta de que se destinarán como mínimo dous indicativos diarios a este cometido, “sinaladamente en horarios nos que se rexistra unha maior concentración de tránsito. E sen entorpecer ao resto da circulación, detectarán o destino dos vehículos que accedan e interpelarán ás e aos seus condutores para que, sempre que sexa posible, empreguen itinerarios alternativos que non impliquen atravesar o recinto amurallado”.

Jesús Piñeiro afirmou que os primeiros días as indicacións terán carácter de advertencia pero, posteriormente, a Policía Local poderá aplicar sancións que alcanzan os 80 euros (40 € se se abona en pronto pago) en aplicación á normativa de seguridade viaria por nos respectar as prohibicións establecidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com