Novas

Amaral, novo cabeza de cartel do Caudal Fest 2024

O Concello anunciou esta mañá o que será un dos pratos fortes da vindeira edición do Caudal Fest: a actuación do dúo zaragozano Amaral, unha das bandas españolas máis icónicas das últimas tres décadas, referentes do pop e o rock en castelán.

Eva Amaral e Juan Aguirre son autores de éxitos como “Sin ti no soy nada”, “Como hablar” ou “Días de verano” que xa forman parte da cultura popular de todo o país, polo que, sen dúbida, os integrantes de Amaral farán corear ao público lucense un repertorio cheo de himnos durante a súa actuación no Caudal Fest 2024, o vindeiro mes de setembro.

Amaral únense, entre outros, a Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Carlos Sadness, Varry Brava ou Ladilla Rusa, que xa están anunciados para o cartel do vindeiro ano.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo dá paso á Asociación de Veciños Centro de Lugo

Os veciños do centro, organizados ata hoxe na Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, dilúen hoxe esa entidade e pasan a constituírse como a Asociación de Veciños Centro de Lugo.

Dende a nova Asociación buscan con este cambio unha entidade xurídica propia, unha consolidación da súa organización e unha unión veciñal no Barrio Centro. Con todo, aseguran que apostarán pola continuidade da súa liña de actuación e traballarán nos mesmos temas. Teñen ademais a intención de ampliar a súa actuación coa organización de diversas actividades culturais.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo foi fundada no mes de abril, a raíz dos proxectos de peonalización do casco histórico cos que discrepaban, e levaban desde entón traballando para mitigar as innumerables molestias xeradas polas obras derivadas dos mesmos.

A súa pretensión é continuar con ese traballo co mesmo talante de colaboración coas administracións na mellora do barrio Centro da cidade e a calidade de vida dos seus veciños.

Un home foi detido en Lugo tras case cuadriplicar a tasa de alcolemia permitida

Un condutor foi detido na tarde de onte tras case cuadriplicar a tasa de alcol permitida. Os feitos ocorreron despois de que un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo se achegara ata a rúa Industria tras un accidente de circulación no que un turismo, que estaba detido para entrar nunha glorieta, foi alcanzado por un coche que lle precedía e que dera marcha atrás, golpeando co gancho-remolque contra a defensa do vehículo detido.

O condutor do turismo que realizou a marcha atrás presentaba signos evidentes de acharse baixo os efectos de bebidas alcólicas, polo que foi sometido ás probas pertinentes. O resultado foi alarmante: 0,92 mg/l de alcol en aire espirado, é dicir, case catro veces máis do límite permitido.

A policía procedeu a instruírlle dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, e a inmobilizarlle o vehículo.

Controis de velocidade

A policía local levou a cabo onte un dispositivo especial de control de velocidade, co emprego dun vehículo policial dotado de cinemómetro, naquelas vías onde se detectou un incremento dos accidentes de circulación.

Nestas rúas, cuxa limitación é de 50 quilómetros por hora, os axentes controlaron a 1.434 vehículos, dos cales 57 superaron o límite de velocidade, polo que foron denunciados.

A Policía Local de Lugo lembra que o obxectivo destes dispositivos é o de vixiar e garantir o cumprimento dos límites de velocidade e concienciar aos condutores da necesidade de adecuar a velocidade do vehículo á establecida para a vía.

Detido un home por pegarlle ao seu fillo pequeno na rúa Río Lor

Un home agrediu ao seu fillo menor de idade na tarde de onte na rúa Río Lor en confluencia coa rúa Quiroga. Ata o lugar trasladouse a Policía Local tras recibir un aviso, pero o home marchara do lugar no seu vehículo. Por sorte, os axentes puideron conseguir o número da matrícula.

Tras consultar a base de datos policial, os axentes achegáronse ao domicilio do agresor, no que foron recibidos pola nai do neno. A muller trasladoulles á policía que o pequeno estaba co seu pai, que o levara a actividades extraescolares.

Os axentes foron entón ata onde estaba o rapaz, onde unha das responsables manifestou que cando o neno entrou na actividade lle contara que o seu pai le pegara porque tirara un iogur. A policía local tamén identificou a unha testemuña dos feitos que afirmaba que o pai lle pegara ao neno propinándolle unha patada e dúas labazadas.

Ante esta situación, os axentes procederon á detención do pai do neno por un presunto delito de malos tratos no ámbito familiar, sendo trasladado a dependencias policiais, onde se lle instruíron as oportunas dilixencias para o Xulgado correspondente, recoñecendo que pegara ao seu fillo xa que se puxo nervioso.

Vía Galega izará a bandeira en varios concellos lucenses este sábado

Vía Galega vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira.

O ano pasado, inauguraron como semana de exaltación e exhibición da bandeira a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala.  Asinaban aquel manifesto, entre outras, personalidades tan sobranceiras coma A. R. Castelao, R. Cabanillas, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, V. Taibo, A. Villar Ponte, R. Villar Ponte e X. V. Viqueira.

O sábado, día 18 de novembro, Vía Galega realizará actos expansivos, ás 12.00 horas, en diferentes localidades de toda Galicia, que consistirán, xunto co izado da bandeira galega, recitar poemas relativos á bandeira e á lectura do manifesto referido a xénese e significado destes símbolos, a relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos e galegas. Na provincia de Lugo, este acto terá lugar en Lugo cidade, A Mariña, a Pobra de Brollón e Samos.

Os bombeiros liberan a un condutor atrapado no seu vehículo tras un accidente en Mondoñedo

Os bombeiros de Barreiros tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a condutor ferido despois de sufrir unha saída de vía en Mondoñedo, pasados uns minutos da unha deste mediodía. O home foi posteriormente trasladado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a un hospital.

Un dos alertadores que contactou co 112 Galicia para informar deste accidente indicaba que se trataba da saída de vía dunha furgoneta que circulaba pola N-634, pola parte de atrás da Igrexa Dos Remedios. No seu relato comunicaba que o vehículo chocara contra un muro e que rematara envorcado.

A partir de aí, os xestores do 112 informaron da situación ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos bombeiros de Barreiros, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

 

A Xunta de Galicia achegou 25.800 euros a seis clubs lucenses para a adquisición de material de deporte adaptado

A Xunta de Galicia achegou 25.800 euros a seis clubs lucenses para a adquisición de material de deporte adaptado, que posibilite ou mellore as condicións en que os deportistas con discapacidade desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

No municipio de Lugo resultaron beneficiados o Club de Piragüismo Cidade de Lugo, que obtivo achegas para a compra de dúas embarcacións adaptadas; o Club Fluvial de Lugo, para a compra de embarcacións adaptadas; e o Club de tenis As Termas, para cadeiras de rodas. Igualmente, recibiron achegas na provincia o Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, para mercar embarcacións, e o Societario de Cazadores da Terra Chá e o Club Hípico la Cruz -en Taboada- para equipamento adaptado para tiro e hípica respectivamente.

Tomé reclama á Xunta máis fondos para os concellos na asemblea da Fegamp

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reivindicou esta mañá “a necesidade de que a Xunta de Galicia transfira máis fondos aos concellos” na XI Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrada en Santiago de Compostela.

Os fondos que reclama o alcalde de Monforte á Xunta servirían para que os concellos “poidan facer fronte ao amplo abano de servizos públicos que prestan á veciñanza, incrementados aínda máis a raíz a pandemia, e que o faga con criterios públicos e obxectivos, iguais para todos”.

Tamén subliñou que “resulta imprescindible abordar xa a clarificación de competencias dada a sobrecarga de funcións impropias que asumen as entidades locais e provinciais, sen contar ademais cos recursos económicos necesarios, o que lastra as facendas locais”.

O PP de Sarria pide ao goberno municipal que esixa a Adif a mellora das pistas e accesos afectados polas obras

O PP de Sarria pedirá Concello no vindeiro pleno que inste a Adif para que mellore as pistas e accesos no entorno das vías do tren ao longo do seu trazado no termo municipal de Sarria, onde se están a levar a cabo obras de renovación e electrificación.

Os populares esixen unha solución ante as queixas de “moitos veciños que nos trasladan o seu malestar polo estado das estradas ou pistas que soportan diariamente o paso de numerosas máquinas e vehículos vinculados a estas obras”.

Dende o Grupo Municipal Popular explican tamén que “a Ponte do Mazadoiro está nun estado lamentable: a parte antiga estase a deteriorar de forma importante e a parte recentemente reformada enchárcase facilmente porque o firme non é homoxéneo”.

Igualmente, nomean a situación no barrio da estación en Oural que “queda sen un acceso en condicións á propia estación e ás vivendas do entorno porque a estreiteza das vías non permiten o cruce de dous vehículos nin o acceso axeitado de camións nin ás vivendas nin á estación”.

Por iso lle piden ao goberno municipal que busque a fórmula e inste a Adif para garantir a mellora do firme en estradas e accesos aos núcleos de poboación próximos á vía afectados polas obras; a mellora da ponte do Mazadoiro cun firme novo e homoxéneo para toda a ponte; e a construción dun acceso amplo para a estación de Oural e as vivendas da zona “para que non queden illadas”.

Ademais, tamén esixen a mellora do entorno da estación de Sarria ordenando e renovando toda a fronte da estación desde a ponte do Mazadoiro ata a Feculera, “xa que esta é unha das estacións que ten máis tráfico de viaxeiros na provincia”.

O Pazo de Tor recibe 62 libros en Braille para engadir á colección da súa biblioteca

O Pazo de Tor recibiu unha colección de 62 libros en alfabeto braille doados da biblioteca María Teresa de Castro Luaces. Os exemplares serán catalogados e, posteriormente, incorporados ao catálogo de consulta da biblioteca do museo.

Entre os títulos que se suman á colección provincial encóntranse ‘Cantares galegos’, de Rosalía de Castro; ‘O Principiño’, de Antoine de Saint-Exupéry, ou ‘Rimas e Lendas’, de Gustavo Adolfo Béquer, entre outros. Ademais de poesía e narrativa tamén se suman exemplares para a ensinanza e a aprendizaxe a través do alfabeto Braille.

A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a cesión e sinalou a importancia de “contar con estas publicacións polo seu valor social”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com