Novas

A folga das traballadoras da limpeza continúa tras recibir unha oferta da patronal que non convence aos sindicatos

A asemblea de traballadoras da limpeza celebrada esta mañá no edificio sindical de Lugo rexeitou por unanimidade a proposta trasladada pola patronal ASPEL na mesa de negociación do pasado venres. As traballadoras, que levan preto dun mes en folga por un convenio digno, consideran a oferta totalmente insuficiente, xa que suporía seguir deixando o convenio por debaixo do SMI, polo que a folga continuará adiante até lograr un “acordo xusto”.

A CIG asegura que ASPEL, despois de estar máis de tres meses desaparecida e de 26 días de folga indefinida, apareceu na xuntanza do venres cunha oferta “de miseria” que “teima na conxelación salarial” para o ano 2022, con incrementos do 4% para 2023, 2024 e 2025 e do 3% para 2026 “cando o IPC real foi do 5,7%”.

Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña afirma que “a patronal continúa a deixar as táboas por baixo SMI, co cal seguen absorbendo a antigüidade, e a maiores, estabelecer un prezo fixo por trienio implicaría que cada traballadora teña unha perda de 184 euros  por cada trienio até 2026”.

Por iso, as traballadoras xa advertiron que continuarán adiante coa folga e as mobilizacións diarias até lograr un convenio “en condicións dignas”. Piden uns incrementos salariais do 5,7% para 2022, do 5,5% para 2023, do 4% para 2024 e do 3% para 2025, e introducir unha cláusula de revisión ao corte (é dicir que opere no mes no que o IPC supere a suba pactada).

O Stage Judo San Froilán retornou 50.000 euros á capital lucense

Lugo consolídase como destino turístico deportivo de referencia na zona noroeste peninsular. Así o avalan os datos do pasado mes, onde só en dous días se acadou un retorno económico superior aos 50.000 euros e se conseguiu xerar 184 pernoitas nos establecementos hoteleiros da cidade grazas ao evento Stage Judo San Froilán, que se celebrou entre o 29 e o 30 de outubro.

Este Stage foi un éxito total de participación e organización, o que lle permite situarse como o segundo Stage en España en número de deportistas participantes. Nesta edición, o evento contou coa participación da deportista ucraína Daria Bilodid, dúas veces campiona do mundo e Bronce olímpico en Tokio 2020, quen impartiu unha masterclass. A actividade xuntou representantes de 44 clubs de toda Galicia, Asturias, Castela León e Portugal que sumaron o total de judokas no tatami lucense.

Grazas á magnitude desta xuntanza deportiva, o retorno económico directo que xerou toda a fin de semana na cidade roza os 50.000 euros, aos que habería que sumar a repercusión asociada ao impacto da imaxe de Lugo a través dos visitantes e dos medios de comunicación. Ademais, o sábado día 30 constatouse que os 453 participantes xantaron na nosa urbe, aos que hai que sumar os seus acompañantes, xa que a maioría eran de categoría infantil e cadete e de fóra da provincia.

A Valedora do Pobo volve pedir infromación a Tomé sobre o veto de acceso a instalacións provinciais aos deputados do PP

A Valedora do Pobo remitiu unha carta aos deputados do PP lucense na que informou que o pasado 2 de novembro requiriron de novo información á Deputación sobre o veto de acceso aos populares a dependencias provinciais xa que, segundo reflicte na carta, “a Deputación Provincial de Lugo aínda non remitiu o informe demandado, con data de hoxe requirímolo novamente, lembrando expresamente a esa Administración que tal envío resulta unha obrigación legal”.

Segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo, a negativa ou neglixencia de calquera organismo ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor como “hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ó Parlamento”. Tamén porá eses feitos en xerárquico, informando sobre o seu comportamento por se fose susceptible de corrección disciplinaria.

Antonio Ameijide recorda que a Valedora do Pobo admitiu a trámite o escrito de queixa por parte dos deputados do PP pedindo amparo para facer valer os seus dereitos ante o “veto incomprensible” por parte do goberno da Deputación á entrada dos deputados populares en dependencias que son titularidade da institución provincial.

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa dos deputados populares ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 23 da Constitución, polo que iniciou as actuacións ante a Deputación de Lugo requiríndolle información sobre o motivo a queixa.

O Centro Cultural José Domínguez Guizán de Begonte convoca o XLVIII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal

O Centro Cultural José Domínguez Guizán, co fin de potenciar o espírito do Nadal e que se coñezan mellor as festas en Begonte, convoca o XLVIII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal.

No concurso poderán participar todos os poetas que o desexen, con textos en galego ou en castelán, e cunha construción libre tanto do poema como da medida dos versos. O tema dos traballos será o Nadal desde calquera punto de vista, e valoraranse especialmente os textos que fagan referencia a Begonte e o seu Belén.

Concederanse dous premios: o Premio Begonte de Poesía, dotado con 600 euros e estatuíña de Sargadelos; e o segundo premio dotado con 300 euros e estatuíña de Sargadelos.

A remisión de orixinais farase ao correo electrónico info@belendebegonte.es, en dous arquivos: un, co traballo poético a concurso, e outro, identificado como «Plica», co título do traballo, no que figurarán os datos personais do/a autor/a, que só será aberto no caso de resultar premiado o traballo con algún dos premios instituídos ou coas mencións que, no seu caso, acorde conceder o Xurado. Tamén se pode entregar o traballo en persoa ou por correo ao Centro Cultural convocante, antes das 12:00 horas do 6 de xaneiro de 2024.

A Banda de Música de Vilalba dará un concerto na honra de Santa Icía este sábado

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) honrará a Santa Icía este vindeiro sábado 18 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez.

A banda presentará un programa de música norteamericana, integramente de repertorio orixinal para a formación, nun programa que vai desde a música popular ata o sinfonismo e no que se escoitarán temas tan coñecidos como “Mambo” ou “Somewhere” do musical West Side Story. Ademais, o cuarteto de saxofóns Essenza Quartet actuará nunha peza como solistas.

As entradas gratuítas pódense reservar as entradas en entradasvilalba.es e na Casa da Cultura de Vilalba.

A OAPR de Lugo celebra dúas xornadas de portas abertas sobre eficiencia enerxética e almacenamento en Taboada e Vilalba

A Oficina Acelera Peme Rural ASIME Lugo, no mes de novembro, porá en marcha un novo formato para os seus eventos realizando dúas xornadas de porta abertas en Vilalba e Taboada para pemes, autónomos, emprendedores e público en xeral.

De forma simultánea, dúas empresas do ámbito tecnolóxico expertas en eficiencia enerxética -EcoMT- e procesos industriais -Merasys- realizarán sesións demostrativas gratuítas de ferramentas e solucións para a mellora da eficiencia enerxética e a optimización da organización e xestión de almacéns.

As actividades desenvolveranse o 16 de novembro, de 16:00 a 19:00 horas, na Asociación Empresarial Sete Pontes de Villalba, e o 22 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Taboada.

Os interesados poden inscribirse a través do email lugo@acelerapyme.asime.es ou nestes formularios de rexistro, para asistir a unha ou ambas as demostracións:

Formulario para Taboada.

Formulario para Vilalba.

Ribadeo acolle a 20 profesores e alumnos de robótica de Polonia, Turquía e Italia

Ribadeo acolle dende hoxe e ata o 17 de novembro unha xuntanza do proxecto europeo de robótica no que participa Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Ao encontro asistirán vinte profesores e alumnos chegados de Turquía, Polonia e Italia, que ademais visitarán centros de ensino e empresas e coñecerán a comarca e outras cidades como Lugo, Santiago e Avilés.

O encontro deu comezo esta mañá cunha xornada de traballo no salón de plenos do Concello, onde tivo lugar tamén a recepción oficial ofrecida polo alcalde, Dani Vega, acompañado das concelleiras de Turismo e Atención Cidadá, Marta Saiz e Montse Seijo, así como da xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez.

O rexedor animou aos asistentes a este encontro a aproveitar as xornadas de traballo e tamén a coñecer Ribadeo. Ademias, tres profesores da Escola Municipal de Música e Danza foron os encargados de poñer a nota musical de benvida.

A primeira xornada deste encontro internacional seguiu cunha visita cultural por Ribadeo. Pola tarde os asistentes percorrerán as praias e a ría.

Mañá, martes, viaxarán a Lugo. O mércores visitarán Alcoa, en San Ciprián; o xoves achegaranse a varias empresas en Santiago, e o venres desprazaranse ata Avilés.

O BNG pide no Parlamento que se artellen mecanismos de control para evitar danos aos pastos polo verme soldado

A deputada do BNG no Parlamento, Carme Aira, denunciou a presenza de vermes soldado que ameazan cultivos e praderías. Dende o BNG aseguran que Lugo está a sufrir os efectos do verme xa que “as praderías son moi importantes para alimentar a cabana bovina”, e que o insecto se está a estender por toda a provincia chegando á Pastoriza dende a Mariña.

“Os danos foron moi importantes e afectan, sobre todo, á gandería extensiva dedicada á produción cárnica e á de leite de pastoreo. Estes danos víronse agravados por non haber ningún produto fitosanitario autorizado para botar sobre o pasto o cal permitiu que se reproduciran ao calor do outono”, afirman dende o BNG.

Dende o partido nacionalista solicitan á Xunta que faga unha avaliación dos danos sufridos polos pastos nas zonas afectadas, monitorizando a súa recuperación e establecendo unha liña de axudas para paliar as perdas ocasionadas por este ataque; tratar co Ministerio a autorización de produtos químicos e/ou biolóxicos para a loita desta praga; e artellar mecanismos para o ano que permitan a detección do incremento de exemplares de avelaíña que poidan indicar un novo ataque.

“Debemos evitar que esta praga se siga estendendo e se converta nun novo problema para o noso rural xa bastante abandonado por este goberno da Xunta” concluíu Carme Aira.

Convocadas varias concentracións na provincia de Lugo e en toda Galicia para protestar pola situación das enfermeiras

Os colectivos de enfermeiras convocan para este xoves varias concentracións ante hospitais galegos para reclamar “os dereitos que fomos perdendo nas últimas dúas décadas”.

Na provincia de Lugo están convocadas tres concentracións: unha na entrada principal do hospital de Monforte de Lemos ás 13.00 horas, outra na entrada principal do Hula ás 13.00 horas e outra na porta xiratoria do hospital da Mariña ás 11.30 horas.

“O uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, xera unha gran presión nos profesionais e supón un risco innecesario para a seguridade dos doentes, minguando a calidade asistencial”, aseguran dende A Por Todas (APT), asociación que convoca as protestas. Tamén protestarán pola “evidente falta de enfermeiras dispoñibles para cubrir as ausencias do persoal da plantilla estable” e pola “mala xestión da administración e a falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva”.

Dende o colectivo tamén animan ao resto de categorías que se vexan afectadas polas súas demandas “a que acudan ás concentracións e se unan ás nosas peticións, xa que son melloras comúns”.

O alcalde de Paradela e a Conselleira de Medio Ambiente avalían o proxecto municipal para a restauración das pontes sobre o río Loio

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuníronse recentemente co alcalde de Paradela, José Manuel Mato, para avaliar o proxecto municipal para a restauración das pontes sobre o río Loio.

Segundo lle trasladou o rexedor á vicepresidenta segunda, debido aos temporais do pasado inverno, as tres pontes principais que atravesan o río Loio quedaron derruídas, impedindo o paso dunha beira a outra nunha contorna incluída no espazo de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira.

Durante o encontro, Ángeles Vázquez coincidiu na importancia de restaurar as pontes porque son fundamentais tanto para garantir a conservación da biodiversidade ao delimitar zonas específicas de paso como para promover o turismo sustentable nestas áreas ao formar parte dun itinerario de 7 quilómetros homologado pola Federación Galega de Montañismo.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de obter financiamento para este proxecto ao abeiro das axudas para actuacións de municipios e entidades nas reservas da biosfera de Galicia, dado que este concello se localiza na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Cómpre lembrar que estas axudas teñen como obxectivo a promoción da conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sostible e a mellora do patrimonio cultural nestes espazos protexidos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com