Novas

O PP provincial pide explicacións á Deputación sobre os retrasos nas obras do anexo ao Pazo dos Deportes

O Grupo Popular Provincial denuncia que se están a producir retrasos nas obras de mellora do anexo ao Pazo Provinvial de Deportes, ao cargo da Deputación. Antonio Ameijide, portavoz do PP provincial, asegurou que estes retrasos producen “graves prexuízos para os seus usuarios que non poden adestrar nin disputar os seus encontros oficiais”.

Ameijide esixe á Deputación explicacións sobre a tardanza da instalación do parqué e pide aclarar os rumores sobre “se houbo ou non problemas que xustifiquen o atraso”. “Mentres fixo bo tempo, os clubes aproveitaron para adestrar no exterior, pero agora no inverno non é viable e, ademais, o resto de instalacións deportivas do municipio lucense e incluso dos municipios limítrofes están xa colapsados”, asegurou o voceiro.

Os populares tamén queren saber a previsión para a finalización das actuacións e da data na que o Anexo estará a disposición dos clubs. Ademais, lembran que “segue pendente a construción ou habilitación de vestiarios que den servizo ás pistas do Anexo ao Pazo”.

José Tomé abronca á Conselleira de infraestruturas por “mentir” sobre a Vía de Alta Capacidade Costa Norte

José Tomé acusou á Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, de “mentir” sobre a Vía de Alta Capacidade Costa Norte. Así referiuse a unhas declaracións de Vázquez nas que culpaba á Deputación de Lugo e ao Concello de Viveiro da parálise de preto de 15 anos desta estrada entre Ferrol e San Cibriao. Tomé tamén culpou á conselleira dunha  atitude “escapista e botaculpas” e á Xunta de Galicia da parálise.

“As declaracións da Conselleira supoñen unha falta de respecto ás institucións e aos veciños e veciñas da Mariña, que, en todo caso, xa non pasan por este trágala, porque saben ben quen ten a responsabilidade de facer esta obra, que é a Xunta de Galicia”, asegurou o mandatario provincial.

O presidente incidiu en que os dous únicos tramos feitos da VAC Costa Norte -as variantes de Xove e de Ortigueira- son obra do Goberno da Xunta presidido por Emilio Pérez Touriño, que os deixou licitados. “Dende entón, o Executivo, primeiro de Feijóo e logo de Rueda, téñena parada, pois consignan partidas no Orzamentos ano tras ano,
pero logo nunca as executan”, afirmou Tomé nun comunicado.

O mandatario provincial tamén excusa á Deputación asegurando que “non ten nada que ver nesta obra”, e ao Concello de Viveiro, “que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta pola Xunta, coa que romperon co consenso veciñal e institucional ao que se chegara co proxecto orixinal”.

O PP de Muras cre que “pospoñer a Feira do Mel da Montaña no Viveiró é unha tomadura de pelo aos produtores” e propón celebrala noutro lugar

O PP de Muras denuncia que adiar a Feira do Mel da Montaña é “unha tomadura de pelo aos produtores” e defenden que no concello hai outros lugares onde se pode celebrar a feira “á vista de que as obras de rehabilitación da praza do Viveiró non estarán rematadas para o 19 de novembro”.

Dende o PP subliñan a “falta de previsión” xa que “as obras se deberían ter programado para outra época do ano e non para o outono ou o inverno”.

Tamén condenan  que “o goberno local non apreciase ata agora os prexuízos que causan as obras na praza do Viveiró no día a día” e lembraron “as queixas dos veciños pola parada do autobús, pola falta de acondicionamento dos accesos provisionais á praza e polo rodeo de varios quilómetros que hai que facer por estar pechada a estrada do Viveiró”.

A CHMS substituirá a obra de paso sobre o río Portiño en O Saviñao

O alcalde de O Saviñao, Juan Carlos Armesto, e o presitente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, firmaron onte o convenio que porá en marcha unha obra de paso sobre o río Portiño. A infraestrutura proxectada, a diferenza da actual, contará coa capacidade de desaugadoiro que esixe a normativa e permitirá restablecer o tráfico a través da estrada agora cortada.

Esta actuación consistirá na retirada dos restos da infraestrutura que xa está instalada e a limpeza do cauce da zona afectada. Este será o paso previo ao inicio das obras da nova ponte. Ademais, está proxectada a reposición do pavimento da estrada afectado por estas obras.

A Confederación cifrou esta obra en 150.000 euros, dos cales o 80% serán sufragados pola CHMS e o 20% restante polo Concello.

A Xunta multa ao Caudal e ao Resurrection Fest por non devolver miles de euros das pulseiras ‘cashless’

O Instituto Galego de Consumo multou con 7.500 euros aos festivais Caudal e Resurrection Fest por quedar con miles de euros das pulseiras ‘cashless’. Foi Facua a que denunciou ás promotoras dos festivais -Old Navy Port Producciones e Bring the Noise- despois de comprobar que nas páxinas webs de ambos eventos cobraban un euro en concepto de “gastos de xestión” aos usuarios que pediran a devolución do diñeiro cargado na pulseira e que non consumira durante o evento. Ademais, tamén denunciaron ante o organismo da Xunta que obrigaban aos asistentes a pagar dentro do recinto con este sistema ‘cashless’, sen darlles a alternativa de usar efectivo.

Despois de recibir as denuncias, o Instituto Galego de Consumo  abriu un expediente sancionador coa proposta dunha multa de 7.500 euros a ambas promotoras, cantidade que Facua considera “ridícula”. “Con la imposición de multas con cantidades tan bajas, resulta imposible conseguir que cumplan con su efecto disuasorio, ya que a las empresas les resulta más beneficioso seguir cometiendo las mismas infracciones y, posteriormente, pagar la sanción que le impongan”, anunciou a asociación.

Deste xeito, Facua asegura que o “beneficio ilícito” que obtiveron ambas promotoras supera “con creces” a multa que lles impuxo a Xunta. De feito, calculan que se a cuarta parte dos asistentes aos festivais solicitaran o reembolso e se lles cobrara un euro polos gastos de xestión, o Resurrection Fest tería gañado 33.000 euros e o Caudal 8.200 euros. “Cantidades que, en realidad, podrían ser mucho mayores”, engade a asociación.

Dende Facua piden á Xunta que revise a normativa relacionada coa proteccións aos consumidores e que impoña multas máis elevadas para este tipo de infraccións. “Sólo con la imposición de sanciones que realmente supongan un perjuicio para la economía de las empresas se conseguirá disuadir a estas de que sigan infringiendo la normativa”, recalcan.

As empresas expedientadas, por outra banda, comunicaron a Facua que as súas prácticas non son ilegais e que aínda non hai resolución sancionadora firme por parte do Instituto Galego de Consumo.

A Policía Local de Lugo atopa a un neno de 6 anos sen escolarizar e que vivía cos seus avós

A Policía Local de Lugo deu parte á Xunta dun menor de 6 anos que estaba sen escolarizar. Os axentes localizárono onte despois de acudir a unha vivenda da rúa do Miño na que se escoitaban gritos.

Ao parecer, un home discutía con varios familiares a raíz dun tropezo cun xarrón que caíra ao chan e rompera. A policía identificou a todas as persoas que se atopaban no inmoble,entre as que se atopaba un neno de 6 anos que vivía cos seus avós, presentes na vivenda. Ao preguntarlles por que o pequeno non estaba na escola, os avós responderon que dubidaban entre dous centros.

Tras dirixir as súas pesquisas cara ambos colexios, e confirmar que o menor non estaba escolarizado en ningún deles, os axentes notificaron sobre a situación ao servizo de Menores da Xunta de Galicia e aos Servizos Sociais.

O PXOM de Lugo entrará en vigor mañá de forma definitiva

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo entrára en vigor mañá na súa totalidade. Coa súa aparición no Boletín Oficial da Provincia, o PXOM poderá aplicarse despois dunha década de tramitación administrativa

Este proceso puido saír adiante trala inscrición do documento no Rexistro Xeral de Planeamento Urbanístico de Galicia por parte da Xunta o pasado venres, e despois de que o Concello lle enviara a memoria  xustificativa que acreditaba o cumprimento dos condicionantes sinalados pola Consellería de Medio Ambiente e aos que supeditaba a súa valoración favorable ao texto.

A aprobación do PXOM de Lugo desbloquea 915.000 m2 de solo rural urbanizable, 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurban -cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas- e a transformación de 1.364.000 m2 de solo urbanizable industrial. Segundo o Concello, tamén permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en 412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións, 933.268 m2 de espazos verdes e libres e 77.753 m2 dispoñibles para a interconexión do territorio.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, definiu este día como “histórico”, xa que “suporá un antes e un despois para o noso crecemento racional e sustentable porque, por fin, permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba máis dunha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”.

O PP agradece á Xunta a súa implicación 

O PP de Lugo pronunciouse cun agradecemento á Xunta por implicarse á hora de desbloquear o 5% do PXOM: “Grazas á postura dialogante da administración autonómica na que en todo momento antepuxo os intereses dos cidadáns por encima doutros partidistas hoxe a aprobación definitiva do documento urbanístico máis importante de Lugo é unha realidade”.

Tamén anunciaron a posta en marcha de 14 encontros con veciños para detallar o plantexamento final e resolver as posibles dúbidas. Entre o 15 e o 18 de novembro terán lugar as sete primeiras xuntanzas nos locais sociais de Saa, Meilán, Orbazai, Castro, Esperante, Romeán e Teixeiro, e que versarán sobre a zona rural.

A seguinte semana os populares estará nos entornos próximos a espazos urbanos como son Ceao, Ramil, A Campiña, zona de Alto, Galegos, Ronda Norte e San Lázaro

 

Izado da bandeira galega en conmemoración do 105 aniversario da “I Asambleia nazonalista de Lugo”

Vía Galega vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os  símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira. O ano pasado Vía Galega, inaugurara como semana de exaltación e exhibición da bandeira galega a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 denovembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala celebrada en Lugo.

Xa en 1988 o Concello de Lugo, sendo alcalde Vicente Quiroga,  o goberno municipal conmemorara  o 70 aniversario, cun acto no Hotel Méndez Núñez e a edición facsímile do Manifesto.

Vía Galega para celebrar a efeméride, “retomamos a campañas dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro cubrir toda a xeografía galega de bandeiras Galegas, engalanando fiestras e varandas”.

A  campaña rematará o día 18 de novembro cun acto expansivo en diferentes localidades de toda Galiza, que consistiría en colocar bandeiras galegas en lugares vistosos para que perduren no tempo, a única bandeira que nos representa e nos identifica como galegas e galegos.

O Concello de Antas de Ulla denuncia problemas económicos graves derivados do anterior goberno e o ex alcalde nega as acusacións

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, denuciou esta mañá a “a gravísima situación económica” na que se atopa o concello. Segundo García, o consitorio carga cunha débeda de 1,5 millóns de euros -o 75% do orzamento anual do municipio- herdada do anterior goberno, rexentado polo popular Javier Varela.

Entre as débedas acumuladas, García Porto enumerou os 300.000 euros que o concello está obrigado a pagar por sentenzas xudiciais, e 75.000 euros polo impago do subministro de electricidade nas instalacións municipais. Tamén mecionou os 60.000 euros mensuais por impagos do servizo de tratamento do lixo e da gardería que lles retén Sogama e o Consorcio Galego de Benestar, e a compra de dous inmobles -22.000 euros pola Casa da Irmandade e 79.000 euros pola Casa Cuartel.

Tamén denunciou “un feito aínda máis alarmante que a débeda”, xa que segundo a alcaldesa, o anterior alcalde desviou os 816.000 euros de fondos europeos que o concello obtivo en decembro do 2022 para a reforma da Casa da Cultura para o pago de facturas nos meses previos ás eleccións municipais. Engadiu García Porto que “a maiores dese pufo, haberá que pagar outros 277,000 euros porque, por un lado, tivemos que refacer o proxecto técnico, que non se adaptaba ás actuacións subvencionables, e, por outro, porque o concello tiña mal calculado o IVE e hai que aportalo dende o concello”.

O PP de Antas de Ulla responde

Ante este comunicado do goberno local, o PP de Antas de Ulla reapondeu con consistencia. “Desmentimos que se desviaran fondos públicos para o pago de facturas, cousa que en ningún momento se produciu, pois o importe da subvención integra correctamente o orzamento municipal de ingresos”, asegurou o voceiro do PP e ex alcalde, Javier Varela.

Nun comunicado, Varela asegura que entre que se recibiron os fondos europeos ata que entrou no goberno o PSOE, en xuño de 2023, a tesourería municipal efectuou os pagos de nóminas, facturas e cotizacións con normalidade.

Tamén afirma Varela que antes de saír do consistorio se levou a cabo unha acta de arqueo cun saldo de 436.036,44 € nas contas do Concello, cunha estimación de 420.000 euros de ingresos por cobrar.

Os estudantes de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa poderán ir a clase en bus durante as obras

Os estudantes dos colexios Quiroga Ballesteros e A Milagrosa poderán chegar a clase en autobús durante o tempo que duren as obras de peatonalización na contorna da praza do Ferrol e Quiroga Ballesteros. Así o anunciou o Concello de Lugo, que habilitou unha liña de bus para “axilizar o acceso do alumnado aos centro e facilitar o traslado para as súas familias”.

Esta liña comezará o seu funcionamento regular o vindeiro luns, e contará con catro paradas no seu itinerario. O horario de chegada a destino queda establecido para ás 08.55 horas, mentres que o de retorno a casa está fixado para as 14.05 horas.

A primeira parada será na praza Conde Fontao, nas inmediacións da estación ferroviaria. A segunda situarase na avenida Infanta Elena, na contorna do parque da Milagrosa, a altura da Casa do Deporte. O terceiro punto de captación estará na Avenida da Coruña, fronte ao número 136, nun espazo central desta vía. Finalmente, o punto de destino e inicio da viaxe de volta estará situado na confluencia desta última rúa coa Rolda da Muralla, nas inmediacións da porta de San Fernando. Desde este punto o alumnado accederá aos centros camiñando, guiados en todo momento por dous acompañantes.

Segundo o consistorio lucense, este recurso púxose a disposición dos centros en setembro, e dende entón colaboraron para establecer as paradas e os horarios máis oportunos en función das necesidades das familias e alumnado.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com