Novas

Os servizos de limpeza de Lugo celebrarán mañá o seu patrón con menos servizos

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, comunicou hoxe que os servizos de limpeza viaria e recollida de lixo celebran mañá o seu patrón, San Martín de Porres. Para festexalo, as súas labores veranse reducidas sensiblemente durante toda a xornada.

Dende o Concello piden desculpas adiantadas á veciñanza “polas molestias que estas variacións no servizo poidan ocasionar”.

 

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo pide celebrar unha reunión co Concello sobre os problemas derivados das obras

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo solicita ao Concello de Lugo unha reunión para tratar os problemas derivados das obras que se están a executar no casco histórico.

Segundo a asociación, a pesar de que o Concello trataba de solventar as incidencias que lle estaban a trasladar os veciños, “actualmente estos problemas se están acumulando”, o que xenera moitos quebradeiros de cabeza. A lentitude dalgunhas fases das obras e o maltrato das zonas verdes son tamén motivo de preocupación para a asociación, xa que a pesar das denuncias sobre estas situacións, non se lles pon remedio.

Coa reunión buscan non só trasladar todas estas inquedanzas, senón buscar solucións para todas elas. Dende a asociación aseguran que “los vecinos continúan ofreciendo su colaboración permanente y responsable para que las obras se ejecuten de la forma más adecuada y menos molesta posible, pero reclaman esa misma responsabilidad y colaboración tanto por parte del Ayuntamiento como de las distintas empresas adjudicatarias de las obras”.

A alcaldesa, Lara Méndez, asegurou que o Concello mantén o contacto “permanente e directo” con esta plataforma veciñal, e que comparten toda a información sobre as obras ao tempo que procuran atender as peticións que lles achegan os veciños.

O PP solicita un pleno extraordinario para tratar as carencias das obras do centro histórico de Lugo

O PP de Lugo presentou esta mañá no Concello unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario no que abordarán os problemas que están a xurdir a raíz das obras do casco histórico.

Unha das principais cuestións que queren abordar é a posibilidade de indemnizar aos veciños e comerciantes que se vexan afectados polos traballos, xa que consideran que os plazos para executalos se van alargando e coa tempada de Nadal tan preto o estado das rúas pode traer consecuencias económicas.

Neste pleno o grupo popular tamén quere expoñer e buscar solucións a outros problemas que están derivando das reformas, como o pavimento inestable dalgúns tramos polo que os peatóns están a sufrir accidentes, a mala señalización das zonas de obra ou a restruturación do tráfico nas rúas afectadas.

Por outro lado, o PP solicitará ao Concello que “informen con transparencia” sobre as modificacións que están a sufrir os proxectos xa aprobados, as zonas de estacionamento alternativas que se crearán en favor das plazas de aparcamento que desaparecen, ou como se vai a reorganizar o tráfico peonil e rodado tralas reformas.

Os populares lucenses tamén van pedir a constitución dunha mesa de coordinación das obras formadas por persoal técnico do concello, representantes da empresa que acomete os traballos e líderes políticos, xa que denuncian que non hai información pública suficiente e que non hai un correcto seguimento por parte do PSOE e do BNG.

O Concello responde

Poucas horas despois de que o PP solicitara o pleno extraordinario o Concello confirmou que a proposta sae adiante, polo que os vindeiros días farán pública a data na que se celebrará este pleno.

Lara Méndez aproveitou para sinalar que o grupo popular conta con mecanismos para solicitar a información que requiran sobre as obras, “algo que non fixo até o momento”.  “Esta sesión pode ser unha boa oportunidade para que as e os concelleiros do PP coñezan de primeira man cal é a situación real de cada unha das actuacións que se están executando e deixen así de especular sobre elas, buscando xerar controversia e preocupación entre a cidadanía”, sinalou a alcaldesa.

Un condutor foi excarcerado do camión que conducía despois dun accidente en Cospeito

Un home que conducía un camión resultou ferido nun accidente sobre as 14.00 horas na ponte de Xustás, en Cospeito. Foron varias persoas as que alertaron ao 112 para informar do suceso, no que o conductor do camión envorcou no medio da vía despois de perder o control e chocar contra un vehículo.

O condutor quedou atrapado no interior do camión, polo que os bombeiros de Vilalba tiveron que retirar toda a lúa para poder acceder á cabina e axudar ao ferido a abandonar o vehículo. O camioneiro foi trasladado ao HULA, mentras que a condutora do vehículo saíu ilesa.

Ademais dos bombeiros, nesta operación tamén participaron Urxencias Sanitarias de Galicia, axentes da Garda Civil e o servizo de mantemento da estrada.

O BNG pedirá no Parlamento que se restableza a parada de bus de Milleirós, en Pol

O BNG de Lugo levará ante o Parlameto de Galicia unha petición para restaurar a parada de bus da aldea de Milleirós, en Pol. A denuncia, que se fará mediante unha batería de preguntas, responde ás necesidades da veciñanza do concello, concretamente ao transporte de estudantes de ensinanza non obrigatoria que teñen os seus centros na capital da provincia.

Para exemplificar a necesidade desta parada expoñen o caso dunha rapaza da aldea de Milleirós que ten que desplazarse 3,5 quilómetros para coller o bus para ir ao instituto, en vez dos 300 metros que tería que recorrer se funcionara a parada deste barrio.

A deputada Carmen Aira, que será a encargada de elevar a denuncia, asegurou que o transporte público é un servizo fundamental que as administracións teñen a obriga de prover e que a Xunta “ten que garantir poder cursar os seus estudos postobrigatorios no sistema público de ensino, sen ter que sufrir unha discriminación por orixe e sen ter que renunciar aos estudos que desexan cursar”.

O Museo Provincial adica unha sala a Maruja Mallo, Castelao e Colmeiro

A sala 14 do Museo Provincial de Lugo estrea nova imaxe. Dende hoxe queda aberta aos visitantes despois dunha remodelación, polo que agora está adicada a Maruja Mallo, Colmeiro e Castelao.

Dende o Museo sinalan que despois de abrir unha sala adicada a Tino Grandío, e nun afán de renovar as súas exposicións para exhibir novos fondos e diferentes narrativas, fixeron unha revisión da súa sección de arte galega adicada ás vangardas e a posguerra. Deste xeito decidiron incorporar á sala 14 tres figuras sen as que non se pode entender a arte galega, xa que foron pintores “determinantes na asimilación das vangardas europeas desde distintas linguaxes creativas”, tal e como sinala a entidade.

Dende hoxe, na sala 14 os visitantes poderán desfrutar dunha obra de Maruja Mallo realizada cando era pensionada da Deputación de Lugo, dúas pinturas de Colmeiro -‘Maternidade’ e ‘Vista da Muralla de Lugo’- e de dous óleos de Castelao -‘Paisaxe con castiñeiros’ e ‘Asno e gaivotas’-.

Dende o Museo tamén comunicaron un préstamo de dúas obras de Maruja Mallo para unha exposición temporal no Museo Nacional de Artes Decorativas titulada ‘Al biés. Las artistas y el diseño en la vanguardia española’ que se inaugurará o vindeiro 20 de novembro en Madrid.

Praza de Santo Domingo

Comezan as obras nas rúas Raíña e Armañá enmarcadas na peatonalización de Santo Domingo

A peatonalización de Santo Domingo entra nunha nova etapa. Esta mesma semana comezará a instalación de saneamento, abastecemento, baixa tensión e telefonía entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña “co fin de concentrar no mesmo período de tempo as afeccións ao tráfico, minimizar as molestias e axilizar os traballos”, segundo apunta o Concello.

Estas obras levaranse a cabo ao mesmo tempo que se pon o formigón e o pavimento no carril da rúa do Teatro que nestes momentos está levantado, e onde se está instalando a iluminación, telefonía e acometidas.

Dende o Concello aseguran que están a traballar xa no plan de tráfico “que se trasladará á cidadanía proximamente”, aínda que avanzan que estas obras non afectan á configuración da Praza de Santo Domingo.

Mentras avancen as obras, o acceso á Praza de Abastos e á rúa Armañá levarase a cabo a través de Quiroga Ballesteros. Tamén se habilitará un carril cara a rúa San Marcos para a saída de vehículos.

O Concello calcula que o tempo no que se efectuarán as obras será de dous meses, nos que levarán a cabo labores de demolición, canalización, instalación de servizos e pavimentado final.

O Vello Cárcere celebrará unha sesión de lectura de poesía palestina

O vindeiro mércores día 8  de novembro o Vello Cárcere acollerá unha sesión de lectura de poesía de Palestina a partir das 20.30 horas. A organización conta coa colaboración de Lugo por Palestina. “Trátase dun xesto de solidariedade co que queremos dar a man a estas voces que claman por ser escoitadas, voces coas que estamos e coas que nos erguemos en contra do xenocidio do pobo palestino”, sinalan na convocatoria.

Xerardo Quintiá lerá poemas de Mahmud Darwish; Sara Plaza, de Mourid Barghouti; María Corral, de Rafeef Ziadah; Nieves Neira, de Mosab Abu Toha; María Grandío, de Hiba Kamal Abu Nada; Marica Campo, de Fadwa Tuqan; Jesús Castro, de Noor Hindi, e Brenda Mondelo,  de Muin Basisu.

 

Alfonso Rueda e Elena Candia encabezan a tradicional pulpada de San Froilán do PP

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado da presidenta provincial do partido, Elena Candia, presidiron a tradicional pulpada de San Froilán que os populares celebran en Lugo todos os anos. Nesta ocasión reuniron a 700 persoas, que almorzaron no Hotel Torre de Núñez.

Neste acto, Rueda pediu ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, que Galicia reciba o mesmo trato que as demais autonomías e que os galegos “non teñan que asumir nin as débedas nin a mala xestión dos demais”. Fixo así referencia aos 16.300 millóns de euros que  Sánchez acordou condonar a Cataluña, que segundo Rueda “custarán 400 euros a cada galego” e que serán “o primeiro asalto dos 450.000 millóns que piden os independentistas”.

Na súa intervención, Rueda destacou o traballo da Xunta en materia de baixada de impostos. Tamén criticou que os fondos europeos “sigan no mesmo caixón do Ministerio desde que chegaron de Bruxelas” e o mal estado da A-6, así como as obras de reconstrución do viaduto caído.

Tamén mencionou Elena Candia a A-6 no seu discurso como exemplo do que o goberno de Pedro Sánchez está a facer coa provincia. Segundo a presidenta do PP lucense, “á fronte de España temos un dirixente sen ningún tipo de escrúpulos”. Ademais, tivo tempo de criticar o traballo do PSOE lucense, afirmando que “aos socialistas de agora, que non aos de antes, a provincia de Lugo non ten nada que agradecerlles” e que Besteiro “sinte orgullo destes agravios e de dar a outros o que lle pertence aos galegos a cambio de nada”.

No seu discurso, Candio fixo un oco para alabar a Rueda -“Galicia ten un presidente que goberna para as persoas”- e sinalou que o PP de Lugo non lle vai fallar nas vindeiras eleccións. “Imos traballar para que Alfonso Rueda obteña a súa primeira maioría absoluta”, afirmou a popular.

 

A Policía Local de Lugo sanciona a seis condutores por conducir baixo a influencia do alcol

A Policía Local de Lugo detectou nas noites desta fin de semana un total de seis persoas que conducían baixo os efectos do alcol. Os controles foron realizados en diferentes puntos da cidade con vehículos rotulados e camufaldos.

Na Avenida da Coruña detiveron un coche que circulaba de forma irregular. Tras someter ao condutor a un control, o resultado foi de 0,64 mg/l, polo que foi multado con 1.000 euros, retiráronselle 6 puntos do carnet e inmobilizouse o seu vehículo.

Tamén foi sancionado con 1.000 euros e 6 puntos menos un condutor ao que se lle deu o alto na rúa San Roque e que lanzou unha taxa de alcol de 0,61 mg/l. O seu coche foi inmobilizado.

Na rúa Poeta Noriega foi multada unha persoa que conducía cunha taxa de alcol de 0,49 mg/l, polo que os axentes locais a sancionaron con 500 euros, a retirada de 4 puntos do carnet e a inmobilización do vehículo. O mesmo lle ocorreu a outro condutor que foi sometido a un control na rúa Pena do Rei e que arroxou un resultado de 0,36 mg/l.

Ademais, instruíronse dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido a dúas persoas. Unha delas foi sometida a un control de alcolemia na rúa Río Ulla, cun resultado de 0,68 mg/l. A outra, que deu positivo cunha taxa de 0,75 mg/l, foi detectada na Avenida Ramón Ferreiro.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com