Novas

Os cines Codex estrean esta tarde “O Corno” gañadora da Concha de Ouro no pasado Festival de cine de San Sebastián

“O Corno” baixo a dirección de Jaione Camborra fala sobre a maternidade e sobre a solidariedade feminina nunha fermosa fábula. Rodada en galego, gañou a Concha de Ouro á mellor película na 71º Edición do Festival de Cine de San Sebastián.

Sinopse: Illa de Arousa. 1971. María é unha muller que se gaña a vida recollendo marisco. Tamén é coñecida na illa por axudar con especial dedicación e coidado a outras mulleres durante o parto. Despois dun acontecemento inesperado vese obrigada a fuxir e emprende unha perigosa viaxe que a obrigará a loitar pola súa supervivencia. Na busca da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas do contrabando entre Galicia e Portugal.

A outra estrea da semana é “Insensatos” do director polaco Tomasz Wasilewski que nesta ocasión resalta o poder da maternidade e os limites do amor que a sociedade non entende ou non está disposta a entender.

Sinopse:  Marlena (62 anos) e Tomasz (42) viven felices nunha casa na mariña, envoltos no seu propio mundo. Mais a súa acolledora existencia vese alterada pola decisión de Marlena de levar a casa o seu fillo enfermo.

A praia das Catedrais recibiu máis de doucentos mil visitantes durante a temporada alta de 2023

O monumento natural Praia das Catedrais recibiu preto de 225.000 visitantes durante a temporada alta de 2023 -Semana Santa e meses de xullo, agosto e setembro-, segundo explicou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita a este espazo protexido, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.

Logo de salientar que o número de autorizacións emitidas durante este verán superou as 260.000, Do Campo fixo fincapé na importancia de combinar o uso e desfrute desta contorna coa súa preservación e, nesa liña, lembrou a obrigatoriedade de cumprir a normativa de uso público establecida para este monumento natural.
Nesa liña, o plan de conservación deste monumento natural inclúe limitacións de acceso a este espazo protexido durante períodos de alta afluencia. Durante a Semana Santa e os meses de xullo, agosto setembro só poden acceder a este espazo protexido un máximo de 4.812 persoas cada xornada, co fin de facer compatible o uso público coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural.

Neses períodos, as entradas poden reservarse, de xeito totalmente gratuíto, na páxina web habilitada a tal efecto ou a través de diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de
ransporte colectivo.

A maiores, cómpre lembrar que os visitantes non poden ir por fóra dos camiños, sendeiros, miradoiros e áreas de descanso; recoller especies de fauna e flora; tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, nin realizar escalada ou actividades similares.

Lázare, pintor amigo

Lázare hónrame convidándome a que presente a súa exposición, e a min compráceme darvos a benvida e presentarvos ao pintor e a súa obra.

Este rapaz, sempre ilusionado e supoño que nervioso porque vexades e comentedes a obra que nos ofrece, chámase Jesús López Lázare, aínda que como Lázare conocémolo todos os amigos e os devotos da súa arte. É lucense, da colleita de 1960, e o de pintar naceu e medrou con el, aínda que para perfeccionalo estudou na Escola de Artes Ramón Falcón. E xa de moi novo, empezou a visitar o taller do vilalbés López Guntín, que era un xenio e, para os que saben escoitar e ver, o contacto cun xenio ten que producir algún dos efectos beneficiosos que notamos na obra personal, galega, racial deste Lázare modesto que medra sen darse conta, que nos gusta cada día máis, e falo da súa arte e tamén do seu xeito de ser que aínda que presumira algo máis da súa obra, seguiriámolo querendo igual.

Ten exposto en Lugo, Vilalba, Sarria, Monforte, A Coruña e Aranda de Duero. En Lugo xa o fixera na sala da Xunta, na da Deputación, e agora na do Concello. E deixei adrede a súa exposición na Casa de Galicia en Madrid, auténtica pica na capital das Españas, onde tamén me permitiu presentar aos asistentes unhas obras personais e universais, que por reflectir anacos de vida nos chegan directamente ao corazón e a alma.

E agora a obra de Lázare conquístaranos, de novo, aos seus devotos, nun tan especial recinto que – sendo concebido como lugar pechado para pechar vidas – é agora lugar para abrir os ollos e as intelixencias a mundos libres; mundos nos que podemos entrar coas sensibilidades especiais do ser humano, sentidos que non se corresponden con ningún órgano físico.

Hónrame presentarvos a Lázare, o amigo pintor, que pinta almas coa súa alma, que pinta vidas cos seus pinceis, precisamente no que chamamos “Vello Cárcere” para non esquecer o papel que este edificio desempeñou durante moito tempo, transformado en pacífico soporte de cultura e de arte para o noso ben e para todos os que veñan despois de nós.

Sabemos que os artistas son xente especial dotados de “poderes” capaces de transformar a materia inerte en arte viva; marabillosos magos que dun lenzo fan brotar imaxes que nos conmoven e nos asombran; que nos producen unha satisfacción permanente e indescritible. Pois eu, sen máis, preséntovos ao grande artista Lázare, debuxante, pintor, creador de imaxes irrepetibles, nosas, ao noso xeito; que responden á perfección o que nós amamos da arte, que vai pola vida disfrazado de home normal, ocultando o seu especial poder, como un heroe de ficción que quere e consegue pasar desapercibido. Lázare, o pintor amigo de todos nós.

A foto é un autoretrato do pintor

Unha persoa faleceu en Pol tras saírse da vía e colidir contra unha árbore

Foi un particular quen, minutos despois das 18 horas, contacto co 112 Galicia para informar do accidente, que se produciu no quilómetro 2 da LU-760, na parroquia de Fraialde.

Á súa chegada, os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento dunha das dúas persoas que viaxaban no vehículo, cuxo corpo tivo que ser liberado polos Bombeiros de Vilalba.

Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pol. O outro ocupante do coche foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Asemade continúa o rescate dun home que chamou ao 112 Galicia tras quedar atrapado baixo as pólas dunha árbore nunha leira en Cervantes. O propio implicado púxose en contacto co 112 Galicia desde o lugar do accidente, ás 19 horas. Na súa comunicación, explicaba que estaba cortando unha árbore cunha motoserra cando varias pólas caeron sobre a súa perna, atrapándolla. Ademais, o ruído producido polo aparello, que permanecía acendido a poucos metros do home, ademais da pouca cobertura dispoñible na zona, dificultaban a comunicación.

Este operativo contou coa colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Cervantes. Ademais, informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os membros de Protección Civil procederon a cortar as pólas da árbore caída para acceder ao ferido e, pouco antes das 21 horas da noite, confirmábase que xa estaba liberado, consciente e atendido polo persoal sanitario.

Contra as 21:30 horas, os equipos de emerxencias seguen traballando no punto a fin de completar o rescate, de difícil execución debido ao escarpado do terreo.

Corte no suministro de auga na rolda da Muralla

Dende o Concello de Lugo dan aviso  dun Corte no servizo da Rede Municipal de Subministración de Auga previsto para maña martes, 10 de outubro.

Esa xornada, o Concello de Lugo procederá a cortar durante a mañá o servizo na Rede Municipal de Subministración de Auga en: Rolda da Muralla dende a Avenida da Coruña ata a Rúa Camiño Real.

A Brigada de Augas estima que o servizo quedará restablecido esta mesma xornada.

O PP reclama o mantemento e a limpeza do Parque Marcos Cela

Os populares lamentan a falta de mantemento e o abandono do Parque Marcos Cela, “un entorno que está descoidado, con suciedade e con pintadas en mobiliario e edificios”

Dende o Partido Popular “reclamamos a anclaxe de bancos e reparación das varandas que hai no interior desta zona e pedimos que se renoven as travesas da escaleira que comunica os paseos interiores co parque infantil”

Os populares tamén urxen a renovación do chan de caucho do parque infantil que está na Avenida de Magoi e que presenta fendas de
varios centímetros poñendo en risco a seguridade dos rapaces e rapazas.
Explican que esta zona de xogo “se fixeron uns parches para arranxar o pavimento pero esta solución provisional empeorou o seu estado”

Centenario da Confraría de Pescadores de Celeiro

Onte celebrouse en Celeiro o acto de conmemoración do centenario da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, a onde acudiu o titular da Consellería do Mar. No acto o conselleiro  enxalzou “o compromiso e os 100 anos de traballo do pósito viveirense en defensa dos profesionais do sector e do porvir da súa actividade”. Louvou a traxectoria da confraría máis antiga da provincia de Lugo e o labor dos 18 patróns maiores que van desde o primeiro en 1923, Bonifacio Cora, “Pañoletas”, nunha conmemoración na que se descubriu un cadro seu e doutros catro destes profesionais que lideraron a confraría e que realizou o artista local Roque B. Fanego.

Alfonso Villares destacou a contribución destes colectivos de profesionais do mundo da pesca e do marisqueo para mellorar e facilitar a vida diaria dos traballadores vencellados co mar, coa actividade extractiva e cos portos. Ofreceu aos responsables da confraría que lidera nos últimos 18 anos Domingo Rey Seijas “un diálogo pleno e o compromiso da Xunta de poñer en marcha políticas que contribúan a garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego e a superar os retos aos que se enfronta”.

 

Concelleiros

Nunca aspirarei a ser concelleiro, entre outras razóns por non querer contar as miñas miserias económicas para que cada quen, véndoas publicadas, desde a súa situación xulgue se o representante publico lle supera ou non chega ao seu nivel económico.

Que lonxe aqueles tempos que os concelleiros accedían ao cargo en razón do imposto que pagaban, coa filosofía entendo de que canto máis posuíran e pagaban maior interese terían na defensa dos intereses comúns dos lucenses.

Leín na Voz a información sobre os bens dos ediles lucenses, case de “tapadillo” porque me daba vergoña pescudar nas interioridades de amigos, facendo – como se dicía en tempos que facían os curas nos confesionarios – propósito de esquecer calquera detalle que me chamase a atención.

Coches, aforros, hipotecas… investimentos, propiedades, plans de xubilación… motos, garaxes, pisos e contas correntes… Aí queda todo iso para cumprir coa letra dunha norma.

Que importa que bens teñen os que acceden a cargos públicos, se a inmensa maioría sairán impolutos dos seus cargos?. E se alguén, en algún lugar do país, se enriquece de xeito innoble, non o vai incluir na declaración da renda.

Cunha norma así, suponse que é imposible a corrupción na Administración, pero o único que queda claro é que os declarantes son xente normal como calquera de nós que teñamos un pasar, un traballo, unha traxectoria, unha vida.

De cara á galería queda moi aparente a medida, aínda que non teñen obrigación de expresar cantidades. Mellor así. Debera bastar con “retratarse” con Facenda sen ter que espirse económicamente para entrar no concello.

Dúas menores resultan feridas nunha das atraccións das festas de San Froilán

A atracción experimentou un fallo, o que provocou que unha barra do asento golpease as menores, que estaban a bordo e resultaron feridas de carácter leve. As afectadas foron evacuadas polo equipo sanitario ata o centro hospitalario de referencia para valoración médica.

O incidente ocorreu ás 22:30 horas da noite de onte, preto do pavillón onde están instaladas as atraccións que fan parte das celebracións das festas do San Froilán durante estes días. A chamada ao 112 Galicia foi realizada polo servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que indicaban o desprazamento dunha das súas ambulancias ata o lugar para atender ás menores feridas.

Co fin de prestar apoio e respaldo ao persoal sanitario, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Policía Local, Nacional e Autonómica.

Evacuado en helicóptero un ciclista tras unha caída no Cebreiro

Un ciclista resultou ferido tras sufrir unha caída no monte en Pedrafita do Cebreiro, en Lugo.

Foi a chamada dun particular, pasados uns minutos das 16:00 horas, que alertou ao 112 Galicia do sucedido. Axiña, desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizouse o helicóptero medicalizado con base en Ourense para a atención sanitaria do ferido, o cal se atopaba nun lugar totalmente accesible.

Para prestar apoio e respaldo ao equipo médico, desde o 112 pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil.

Finalmente, o ciclista foi trasladado pola aeronave ao centro hospitalario de referencia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com