Concelleiros

Nunca aspirarei a ser concelleiro, entre outras razóns por non querer contar as miñas miserias económicas para que cada quen, véndoas publicadas, desde a súa situación xulgue se o representante publico lle supera ou non chega ao seu nivel económico.

Que lonxe aqueles tempos que os concelleiros accedían ao cargo en razón do imposto que pagaban, coa filosofía entendo de que canto máis posuíran e pagaban maior interese terían na defensa dos intereses comúns dos lucenses.

Leín na Voz a información sobre os bens dos ediles lucenses, case de “tapadillo” porque me daba vergoña pescudar nas interioridades de amigos, facendo – como se dicía en tempos que facían os curas nos confesionarios – propósito de esquecer calquera detalle que me chamase a atención.

Coches, aforros, hipotecas… investimentos, propiedades, plans de xubilación… motos, garaxes, pisos e contas correntes… Aí queda todo iso para cumprir coa letra dunha norma.

Que importa que bens teñen os que acceden a cargos públicos, se a inmensa maioría sairán impolutos dos seus cargos?. E se alguén, en algún lugar do país, se enriquece de xeito innoble, non o vai incluir na declaración da renda.

Cunha norma así, suponse que é imposible a corrupción na Administración, pero o único que queda claro é que os declarantes son xente normal como calquera de nós que teñamos un pasar, un traballo, unha traxectoria, unha vida.

De cara á galería queda moi aparente a medida, aínda que non teñen obrigación de expresar cantidades. Mellor así. Debera bastar con “retratarse” con Facenda sen ter que espirse económicamente para entrar no concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com