Novas

Foto de Marcos Loopez para Viva Lugo

Os Coira

Somos peripatéticos os que camiñamos porque seica Aristóteles paseaba mentras ensinaba. Eu son da xente que camiña por obriga ou devoción, e porque proclamaba Machado que “se fai camiño ao andar”. E amo tres camiños, que aconsello a quen queira rutas diferentes, ao alcance de xente con máis de cinco sentidos.

Un en Begonte, en construción, o Camiño ao Belén pasando por todas as parroquias, marcado por esculturas de César Lorenzana que levna ao camiñante cara o Belén. Hai cinco; faltan catorce. Outro, o Paseo dos Soños, á beira do río, en Vilalba, onde os Coira teñen monolito para evidenciar o seu posto de relevancia na cultura de Galicia.

E o terceiro en Lugo, Parque da Milagrosa, Paseo do Cine onde desde o sábado hai unha placa na honra dos Coira do cine, revolucionarios, cineastas senlleiros, aos que a placa proclama inmorrentes, grandes, sinxelos, impresdindibles, aínda que eles non sexan conscientes da súa grandeza social. Dicía Pepe Coira que homenaxealos por algo co que disfrutan, soáballe raro. Que se aínda lles costase mosto traballo e sacrificios podería entenderse, pero co que disfrutan co cine extráñalles recibir homenaxes.

Os Coira son catro de ciencias e tres de letras; deles, dous do cine, Pepe e Jorge. Ao ser setembro, en Lugo, o mes do cine desde hai corenta e catro anos, a cidade mirou para os Coira, disfrutou e enriqueceuse con eles, e díxollelo moi claro. Para que digan que Lugo é frío!. Quéntase cos temas e a xente que nerece calor. E os Coira recibiron o agarimo caloroso que merecen os que están no Olimpo pero saben beber – Machado dixit – o viño das tabernas. E vir a Lugo na súa Semana de cine, da que confesan ter bebido, e especialmente vivido. Longa vida, Coiras de cine!.

Máis de catro mil espectadores viron algunha película das 135 proxectadas na Semana de Cine de Lugo

4.162 espectadores viron algunha das 135 películas proxectadas na Semana de Cine de Lugo 2023, ou das facilitadas a Aspnais e aos centros penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro.

3.043 destes asistentes foron ás diversas sesións celebradas no Auditorio de Lugo, 769 nas outras salas da capital, e o resto en Aspnais e nos centros penitenciarios.

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá congratúlase deste resultado, que supera calquera previsión e supón un considerable aumento en relación coas cifras do ano 2022, e agradece expresivamente a medios informativos, institucións, entidades colaboradoras e público o apoio de sempre á Semana de Cine.

O TSXG absolve a un acusado dunha agresión sexual ao non acreditarse que coñecese a idade do menor

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu, por non acreditarse que era coñecedor da idade do menor, a un condenado pola Audiencia Provincial de Lugo a sete anos de cárcere por agredir sexualmente a un menor co que contactou a través da aplicación de citas Grindr. O alto tribunal galego considera probado que, en febreiro de 2022, o procesado, que tiña 41 anos, concertou unha cita “para manter un encontro de carácter sexual” coa vítima, de 14 anos, tras intercambiar “mensaxes de índole sexual”. A Sala do Civil e Penal asegura que mantivo relacións sexuais co menor no interior dun vehículo, “todo iso na crenza de que non era menor, nos termos da acusación”. Discrepa, polo tanto, da sala de instancia, pois afirma que “non pode entenderse acreditado que o acusado tivese coñecemento de que a persoa coa que contacta fose menor de 16 anos”.

“Chégase a esta conclusión tras unha detida deliberación sobre o suposto axuizado, tendo en conta que é o menor o que se fai pasar por maior de idade ao subscribirse a unha páxina de contactos que só admite a maiores”, explica o TSXG, á vez que incide en que esta circunstancia, de inicio, “provoca a presunción no acusado de que a persoa coa que se cita non é menor”. A partir deste dato, afirma que hai que reflexionar “sobre o que lle era esixible ou puido ou debeu exporse o acusado unha vez que o menor entra no seu vehículo”.

Os maxistrados explican que, no presente caso, ao acusado “nada lle podía levar a sospeitar, á vista das conversacións de WhatsApp mantidas, a ausencia de coñecemento previo de ningún tipo, a práctica ausencia de dialogo dentro do vehículo e o moi breve espazo de tempo que durou o encontro (uns 11 minutos)” de que era menor de 16 anos. “Ademais, o mozo levaba posta unha máscara, que non se chegou a quitar completamente en ningún momento, segundo recoñece, do mesmo xeito que recoñece non dicirlle a idade, sendo igualmente significativo que non quixese denunciar nin se sentise enganado, segundo as súas propias manifestacións”, salienta o TSXG, á vez que indica que, ademais, “a estatura e corpulencia do menor era superior á do acusado, sendo difícil distinguir a idade nesa franxa, tendo en conta as diferenzas de aparencia física entre individuos”.

O TSXG explica que se trata dun delito doloso, que non admite comisión imprudente, o que conduce ao ditado dun pronunciamento absolutorio. A sala, por tanto, apreciou que a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo vulnerou a presunción de inocencia do recorrente. O fallo non é firme, pois se pode recorrer ante o Tribunal Supremo.

Evacuado en helicóptero ao Hula un ciclista en Triacastela

Un ciclista resultou ferido, ao fío das 15:30 horas, tras sufrir unha caída na LU-633, ao paso polo municipio de Triacastela.

Foi a esa hora, cando o CIAE-112 foi informado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense para a atención médica do ciclista accidentado. Unha vez no punto, o ciclista foi trasladado na aeronave ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, para prestar apoio aos servizos sanitarios, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Sarria e dos axentes da Garda Civil.

Os partidos do Río Breogán na Basketball Champions League poderán verse a través da TVG

A Televisión de Galicia vén de anunciar este mediodía o acordo coa FIBA polo que retransmitirá todos os partidos do Río Breogán neste primeira fase da Basketball Champions League.

O Río Breogán está encadrado no grupo F, e o pavillón Universitario de Lugo recibirá a visita do Telekom Baskets Bonn, o Bursaspor turco que é o actual campión, e o Hapoel Holon isrelí.

O Concello anuncia as liñas de bus especiais para o San Froilán

O Concello anunciou os horarios especiais das distintas liñas de bus urbano que se aplicarán durante o San Froilán.

Os aparcadoiros do Pazo provincial dos Deportes e o das Termas funcionarán durante o San Froilán como aparcadoiros disuasorios de gran capacidade, onde se poderá deixar o coche e achegarse en bus ata o centro da cidade.

As liñas 1.2, 1.4, 9, 10, 12 e 13 comunicarán o centro cos dous aparcamentos, e os días 4, 6, 7 e 11, días previos aos festivos e fins de semana, ampliarán o horario de servizo ata as 3 da mañá.

Liña 1.2 Campus USC- O Ceao – Hula

Continuará o seu percorrido ata as 03:07 rematando na parada de Sindicatos. Eliminarase a chegada ao HULA, e desde Avenida Benigno Rivera seguirá por Avenida  Infanta Elena e Paulo Fabio Máximo, continuando o seu percorrido habitual.

A parada da Praza de Bretaña quedará suprimida , instalarase unha alternativa en Celso Emilio Ferreiro, na esquina con Ramón Ferreiro

Liña 1.4 Campus USC- O Ceao – Hula

Desde as  22:42 (Obras Públicas) prolóngase ata as 03:12 (Obras Públicas). Varía o trazado, suprimindo a visita ao Ceao e dando a volta en Infanta Elena

A parada da Praza de Bretaña quedará suprimida , instalarase unha alternativa en Celso Emilio Ferreiro, na esquina con Ramón Ferreiro

Liñas 9/12 Casco Histórico (Bolaño) – Abella e Casco Histórico (Bolaño) – Pol. Gándaras

Desde as 22:15 (Bolaño), circulará ata as 03:15 (Bolaño)

Liñas 10/13 Ronda Muralla (Sindicatos) – As Gándaras e Ramón Ferreiro – Cemiterio

A partir das 22:30 (As Gándaras), circulará ata as 03:00 (Cemiterio). Modifícase a parada de Ramón Ferreiro (Feminino), que se ubicará temporalmente en Ramón Ferreiro nº 14

O filme irlandés “The quiet girl” mellor película da sección oficial

Rematada a XLV Semana de Cine de Lugo este é o palmares da presente edición:

Premio do Público á: The Quiet Girl (Irlanda, 2022) de Colm Bairéad. (2,64 puntos).

A puntuación do público para o resto das películas presentadas a Sección Oficial foi a seguinte:

EMPIEZA EL BAILE (Argentina, 2023) de Marina Sereseski (2,63 puntos).

EL ACONTECIMIENTO (Francia, 2021) de Audrey Diwan (2,37 puntos).

EL CAFTAN AZUL (Marrocos, 2022) de Mariam Touzani (2,34 puntos).

HASTA QUE EL AMOR NOS SEPARE (China, Republica Checa, 2022 de Ran Li (1,93 puntos).

CUANDO LA ALONDRA CANTA (Austria, 2023) de Ana Bilic (0,78 puntos).

Premio do Xurado a Mellor Película do ciclo “PORTUGAL, TAN CERCA TAN LONXE”:  JA NADA” (Portugal, 2023) de Luís Digo.

Premio do Xurado á Mellor Película Documental: LA MEMORIA DEL CINE. UNA PELICULA SOBRE FERNANDO MENDEZ LEITE (España, 2023) de Moisés Salama.

Premio do Público a Mellor Curtametaxe: (ex aequo): HABITAT (España, 2023) de Elena Escura. EL CRÉDITO (España 2022) de Alex Escudero

Premio do Público á Mellor Película Galega: NENA (Galicia, 2023) de Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias.

Premio do Público á Mellor Película Lucense: AMOR VIAXEIRO (Lugo, 2022) de Alba Gonzalez e Miguel Bouzas.

Premio do Publico a Mellor Película de Animación: SANDWICH CAT (Galicia, 2023) de Favid Fidalgo.

A Organización e o Xurado da 45 SECILUGO (Semana de Cine de Lugo) conceden cadansúa MENCION ESPECIAL ás seguintes películas, polo especial tratamento dos temas, ás persoas e ao cine:

EL OTRO (España, 2022) de Marc G. Ros.

LA RAMPA (España, 2023) de Juan Fernando

Andrés Parrilla. OTRO DIA MAS (España, 2023) de Juan Carrascal.

MADRESELVA(España, 2023) de Nata Moreno.

VERBAS E MEMORIA. MIÑA TIA ELENA (Galicia, 2023) de Breixo Llano Caldeiro).

ULISES (Galicia, 2022) de Felix Brisel.

MADRES CAMIONERAS (España, Inglaterra, 2022) de Paula Romero.

STAINS (Dinamarca, 2023) de SofieKrongg.

L,HERITAGE (Francis,Libano, 2022) de Mathieu Haag.

MESA PARA TRES (España, 2022) de Alvaro G. Empre e Meka Ribera.

LOS VISITANTES (España, Francia, 2022) de Enrique Buleo.

A RABIA (Galicia, 2022) de Alberto Diaz Lopez.

CHICHI E MAIS EU (Galicia, 2023) de Nico Campos.

NO SE OYE (Galicia-Lugo,2022) de Mario Pereira.

ELEXIA DE ATACAMA (Chile 2023) de Carlos López.

PAPA (España, 2022) de Julio Montejo.

CARDOÑA. FOTOS A 7 PESETAS (Galicia, 2023) de Carlos Lorenzo.

AMOREIRAS (Portugal, 2022) de Pedro Augusto Almeida.

AUGA NAS GUELRAS (Portuga, 2023) de Marco Schiavon.

VIDAS NA FRONTEIRA (Galicia, 2023) de Francisco Xavier López Rodriguez.

TECTÓNICA DE PLACAS (Galicia, 2022) de Miguel Casaseca e Clara Coira.

TAP TAP (Francia, 2022) de François Le Guen.

7 DOSIS DE DOPAMINA (España, 2022) de Virginia Rodriguez.

ROBOTS (España, 2022) de César Tormo.

SOLIDARITY DAY (España, 2022) de Gabriel Lugigo López.

CALXOPHOBIA (Alemania, 2022) de Dave Lojek.

 

Os socialistas esixirán á Xunta que poña en marcha o proceso para cubrir a xubilación inminente de 20 médicos na provincia

O Grupo Provincial socialista levará ao Pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia que “garanta a atención sanitaria que recibe a veciñanza na provincia ante a inminente xubilación de máis de 20 médicos. Uns facultativos que prestan servizo nos centros de saúde dos municipios de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte, que son practicamente o 21% dos da provincia”.

Con esta moción, os socialistas tamén solicitan que “se restitúan os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes do Partido Popular”. Asemade “que estableza modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes”.

Falta de previsión

Esta situación, advirten dende o PSdeG, é o resultado ”dunha falta de previsión que é inadmisible. Recordan que os Colexio Médicos veñen dando datos e estimacións das xubilacións previstas. No caso do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, este avisou no ano 2018 que entre ese ano e o 2022 ían cumprir 65 anos 289 médicos e médicas da provincia de Lugo. “Nada se fixo para cubrir esas baixas e nada se está a facer agora para facer fronte a estas novas xubilacións”, apuntan.

Os socialistas denuncian que a falta de previsión da Xunta e dos xestores do Sergas leva “ata o absurdo a práctica xeneralizada de non cubrir as vacantes por enfermidade, vacacións ou xubilacións. A política de recortes do PP sobrecarga de traballo ao persoal sanitario e xera unha desigualdade no acceso á sanidade pública en función do lugar de residencia”.

 

 

A Xunta remite á Comisión Europea un informe sobre a situación do lobo

A Xunta remitiu hoxe á Comisión Europea un completo informe sobre a situación actual do lobo en Galicia e os impactos que se derivan da súa presenza en gran parte do territorio da Comunidade.

O Goberno autonómico responde deste xeito ao proceso de consultas aberto pola presidenta do organismo comunitario, Úrsula von der Leyen, co fin de obter información directa e actualizada das poboacións desta especie non só a nivel estatalal senón tamén rexional, tal e como reclamara a Xunta con anterioridade no marco das xestións realizadas ante as instancias europeas tras a decisión unilateral do Executivo estatal de elevar o nivel de protección do lobo en todo o país.

O informe subliña o novo censo que confirma e ratifica a principal conclusión da análise realizada de cara ao referido informe sexenal, é dicir, que “o estado de conservación do lobo na Comunidade é favorable e todo apunta a que presenta unha estrutura poboacional normal, autosostible e viable a longo prazo”.

Nesta liña, ademais, tamén se apunta a unha distribución territorial da especie similar á detectada no censo correspondente ao período 2013-2015 e unha cifra de mandas similar e mesmo superior —93 fronte ás 90 estimadas no estudo anterior— aplicando a mesma metodoloxía para a realización de ambas análises.

Neste sentido, o informe achega datos detallados correspondentes ao período 2010-2022 que permiten ver a evolución ascendente dos avisos ao 012 por ataques atribuíbles a estes animais, dos danos por tipo de cabana gandeira afectada e dos comportamentos e diferencias en función de cada unha das provincias.

Así e sendo con diferencia as ovellas os animais máis afectados polo lobo, cómpre subliñar tamén o caso de Lugo, que concentra gran parte do gando equino da Comunidade e onde chama a atención que case o 21% dos exemplares danados no período de referencia foron cabalos.

 

Actos da Semana de Cine para mañá sábado

A Semana de Cine  sigue coa súa actividade, e para mañá sábado a partires das 13 horas no Paseo do Cine ( Frigsa), realizarase  o descubrimento de dúas novas placas no Paseo. Estas placas corresponden aos números 9 e 10 das colocadas, despois das de  Antonio Mourelos, Prudencia Grifell, Luís Tosar, Carmen Correa, Luis Iglesia, Frank Braña, María Casares e Margarita Ledo Andión.

A primeira das placas , a que corresponde a  Eduardo Fajardo, homenaxeado en 2010, será descuberta por Manuel Muñoz, tenente de alcalde do concello de Meis (Pontevedra), de onde Fajardo é fillo predilecto, que intervirá no nome do concello. O concello de Meis nomeou ao actor coa especial distinción de fillo predilecto a petición de Fonmiñá, a raiz da homenaxe en Lugo, e ven de aceptar a invitación para participar neste acto para o que foi comisionado o primeiro tenente de alcalde da institución.

A segunda das placas a que se lles outorga aos irmáns Coira, será descuberta por Pepe e Jorge, que son os cineastas homenaxeados homenaxeados nesta edición, despois dunhas palabras de Remedios González, alcaldesa de Rábade, a súa terra natal.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com